O viveiro de empresas de Santa Clara terá seis módulos de traballo para emprendedores
Por Redacción
O futuro Centro de Iniciativas Empresariais de Pontevedra terá unha sala de xuntas e seis módulos a disposición dos emprendedores pontevedreses. A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, vai desvelando pouco a pouco datos deste viveiro de empresas. Este foi o último detalle dado a coñecer, con motivo dun anuncio que xa sitúa a iniciativa na súa recta final: abrese o prazo para solicitar un espazo nas instalacións.
Os emprendedores que queiran un espazo nas futuras instalacións do número 4 da rúa Santa Clara dispoñen de 15 días de prazo, ata o próximo 16 de outubro, para presentar as súas solicitudes. Poderán facelo no Rexistro Xeral do Concello de Pontevedra ou por correo. As bases da convocatoria están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia ou no último número do boletín municipal de emprego PonteEmprego.
A iniciativa pasará a converterse no terceiro viveiro de empresas da cidade, onde xa teñen instalacións desta liña a Cámara de Comercio e, dende hai poucos meses, a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), e nace coa vocación de ser unha ferramenta para incrementar as posiblidades de éxito dos novos emprendedores pontevedreses.
Ao respecto, a concelleira indica que se trata dunha "ferramenta moi interesante que deben aproveitar as novas empresas da cidade, pois, ademais dun local, os emprendedores terán a súa disposición servizos de asesoramento e espazos comúns que lles permitirán incrementar as posibilidades de éxito do negocio".
O viveiro de empresas é unha "cuestión de coherencia coa liña política do Goberno Local"
Carlota Román sinala que "a situación económica actual aconsella apostar forte polo viveiro" e que, ademais, a súa posta en marcha é unha "cuestión de coherencia coa liña política do Goberno local". Botando man de hemerotecas, explica que cando hai pouco máis dun ano se fixo cargo da concellería de Promoción Económica e Turismo, unha das súas primeiras decisións foi a centralización de todos os servizos administrativos na Casa da Luz.
Á hora de valorar as solicitudes que vaian chegado, os técnicos municipais valorarán que se trate de proxectos empresariais en actividades económicas emerxentes e xeradoras de novas fontes e posibilidades de emprego, actividades económicas aos novos nichos ou xacementos de emprego. Tamén recibirán especial valoración os promovidos por titulados recentes e aqueles que garantan a creación dun maior número de postos de traballo de duración indefinida.
Os proxectos que potencien unha maior dinamización no sector económico do Concello, pola xeración de postos de traballo indirectos e/ou doutras actividades complementarias, o carácter innovador da actividade a desenvolver, a demanda de maior capacitación profesional dos postos de traballo e a utilización preferente de materias primas autóctonas recibirán tamén mellor colaboración.