Acordo entre a Xunta e o Concello para construír a variante de Alba
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantiveron este venres unha reunión de traballo que foi valorada como "moi frutífera", con acordos "que beneficiarán moito a esta cidade".
"Para min é un verdadeiro pracer estar hoxe aquí, no meu Concello, e ter a oportunidade de asinar no libro de honra", dixo a conselleira á que regalaron un colgante de prata do convento de Santa Clara.
O acordo máis destacado desta reunión de traballo está relacionado coa variante de Alba, un vial deseñado para servir de conexión entre as estradas a Vilagarcía e Caldas, funcionando como alternativa á estrada PO-225 que comunica Alba con San Caetano, sen necesidade de entrar no núcleo urbano.
O Concello comprométese a confirmar "expresamente" o informe do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible "que determine que é viable o entroncamento" do trazado da variante na estrada nacional N-550 en Lérez, na zona da Ferreira.
É unha cuestión na que as dúas administracións, Xunta e Concello, están "conformes" e no que xa había un "compromiso verbal" por parte dos responsables do Ministerio, pero agora terá que ser "por escrito".
Segundo asegurou a conselleira, "de ter ese informe de conformidade do ministerio iniciariamos toda a tramitación, partindo de cero", é dicir, coa avaliación ambiental correspondente, o informe de trazado e todo o preciso.
Martínez Allegue destacou que a variante de Alba "mellorará tanto o tránsito peonil como o tránsito de vehículos da zona".
Pola súa banda, o alcalde admitiu que "levo moito tempo esperando que a Xunta de Galicia decida facer esa Variante de Alba que consideramos que é unha obra necesaria para cidade", un vial que "une parroquias".
Apuntou que conta co apoio "de practicamente todas as asociacións do norte" en referencia aos colectivos veciñais de Lérez, Verducido, Mourente, Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Cerponzóns, Alba e Monte Porreiro, entre outras asociacións que están a favor desta infraestrutura.
"Sempre queremos o máximo consenso posible", valorou a titular de Infraestruturas da Xunta.
A consellería acepta a proposta de deseño defendida polo Concello, que reducía de catro a dous os carrís previstos con rotondas e sendas peonís e ciclistas.
"Parte do deseño será o proposto polo Concello", que inclúe "conexións con glorietas en círculos poboacionais", indicou Martínez Allegue. Un deseño que non afecta a vivendas e implica menos expropiacións. "É que o que estamos facendo agora na Xunta", explicou a conselleira.
"Eu estou encantado", asegurou Lores, que subliñou que tan só con esta noticia a reunión coa conselleira "a min xa me valía".
Preguntado polos xornalistas na rolda de prensa sobre que cambiou para que agora exista un acordo sobre o trazado da Variante que a Xunta ante rexeitaba, o alcalde respondeu que "cambiou a conselleira".
Relacionadas:
-
Pontevedra solicita de xeito formal a cesión dun tramo da N-540 para axilizar a creación da variante de Alba
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra pedirá a transferencia da N-550 entre San Caetano e Pasarón
Por Alejandro Espiño |
-
Visto bo do Goberno a conectar a variante de Alba cunha rotonda na N-550
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello e a Xunta desenvolverán solo en Pontevedra para novas vivendas protexidas
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Oito asociacións veciñais pechan filas para reclamar a variante de Alba: "É de vital importancia"
Por Alejandro Espiño |
-
Domínguez propón unha fronte común para reclamar que a AP-9 sexa gratis entre Pontevedra e Curro
Por Alejandro Espiño |
-
A variante de Alba, prioridade para os veciños de Lérez, que reelixen a Miguel Filgueira como presidente
Por Redacción |
-
Lores e Rueda acordan "darlle unha volta" á variante de Alba e ampliar O Campiño
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |