A Praza réndese aos praceres da carne
Por Oskar Viéitez
Cocido, lacón con grelos, caldo, cacheira, filloas, bica, orellas e licor de café, o Entroido tamén entra pola boca.
A Praza de Abastos de Pontevedra invita a pecar e este venres as praceiras sorprenden os compradores con divertidos disfraces para acompañar os produtos frescos.
Gastronomía e entroido fúndense nas mesas dos fogares pontevedreses para dar renda solta aos praceres da carne e a transgresión.
Recén rematada a matanza, os bancais do Mercado énchense coa "cachucha", a "androlla", os chourizos. Sen discusión, o porco é o auténtico rei destas festas.
ADIANTO DA FEIRA DE ESTRIBELA
A concellería de Promoción Económica comunicou aos feirantes que acoden semanalmente ao mercadiño de Estribela o adianto da xornada feirada da próxima semana.
Así, a feira que correspondía ao mércores, día 5, adiántase ao martes, día 4, para evitar a coincidencia co festivo do Mércores de Cinza.
O cambio realízase ao amparo do previsto na Ordenanza Municipal de Venda Ambulante para os casos de coincidencia das xornadas feiradas en festivo.