O Centro comercial urbano é "Máis que comercio!"
Por Oskar Viéitez
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentou este venres en Pontevedra a nova campaña de dinamización comercial Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, unha iniciativa que reforza o comercio de proximidade ao tempo que incentiva as vendas.
Tal e como explicou Vázquez Abeal, os clientes dos comercios asociados ao Centro Comercial Urbano recibirán por cada 5 euros de compra un cupón para participar nun xogo en liña na web www.maisquecomercio.com, no que, votando ao seu establecemento favorito, poderán conseguir un premio en metálico de 200 euros e outros dous de 100, ademais de outros agasallos achegados polos comerciantes como vales de compra, ceas ou lotes de produtos.
Ademais, ao remate do mes que durará a campaña, o establecemento escollido polos clientes que participen na iniciativa recibirá un recoñecemento público ao seu labor.
A directora xeral de Comercio salientou que un dos obxectivos desta nova campaña, que resalta os valores do comercio de proximidade, como a calidade, o trato ao cliente, a diferenciación e a variedade, é impulsar o asociacionismo, apoiando o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos, unha fórmula que permite o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade.