Ultiman un Plan de apoio ás investigacións científicas "punteiras" na provincia de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
A Deputación de Pontevedra ultima un plan para apoiar a investigación científica na provincia. Así se desprende da resposta dada por Rafael Louzán no Pleno deste venres, á moción presentada polo BNG para que o organismo provincial implícase no financiamento de proxectos de I+D+i en "certos sectores" nos que a provincia de Pontevedra é "punteira", ante os recortes que se están producindo nesta actividade.
Louzán sinalou que haberá que esperar ao informe que se encargou a Intervención para ver se esta liña de financiamento é posible coa nova lexislación relativa ás administracións locais. Se é así, a intención da Deputación é colaborar con liñas de investigación "que sexan importantes para Galicia". Neste sentido, destacou que o obxectivo será apoiar a centros e persoas que estean levando a cabo investigacións na provincia de Pontevedra.
A proposta do BNG, que se retirou da orde do día á espera de dito informe, recorda, segundo sinalou César Mosquera, a longa tradición da Deputación no apoio a investigacións científicas. Apunta ademais que, especialmente nos campus de Vigo e Pontevedra, varios destes proxectos punteiros "están en risco de morrer", o que supoñería perder o traballo de moitos anos, un labor que non sería posible recuperar "ata dentro de moitos anos".
Ademais, o Pleno aprobou, malia a abstención do BNG, un plan urxente de mantemento de servizos e infraestructuras, polo que se investirán 20 millóns de euros en reparacións dos estragos causados polos temporais. Socialistas e nacionalistas criticaron que se queden fóra destas axudas os concellos de Vigo, Pontevedra e Mondariz-Balneario e que Louzán se reserve o 20% do investimento para a súa libre disposición.
Neste sentido, tanto José Manuel Figueroa como Rafael Louzán recordaron a "implicación" da Deputación co Concello de Pontevedra, onde se están executando varias infraestruturas. "Podería haber recelo do resto", sinalou o presidente provincial, quen se mostrou disposto a manter esa "beneficiosa" colaboración entre ambas partes, unha cordialidade que o PP lamentou que non se produza co alcalde vigués, Abel Caballero.