Esixen á UE que investigue a Audasa e Brisa polo "caos" das peaxes galegas e portuguesas
Por Redacción
Cansados da confusión creada en torno ao sistema de telepeaxe entre as autoestradas galegas e portuguesas, o Eixo Atlántico demanda a intervención da Unión Europea. O seu secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, remitiu unha carta ao comisario de Mercado Interior e Servizos da Comisión Europea, Michel Barnier, para esixir que investigue ás empresas concesionarias, Audasa e Brisa, pola "deficiente implantación da interoperabilidade dos sistemas de cobro nas peaxes".
Na misiva, o representante do Eixo Atlántico recorda que o pasado cumio ibérica "fíxose eco" da petición da interoperabilidade dos sistemas de peaxe ibéricos e que, para a súa posta en funcionamento, púxose como data de referencia o 31 de setembro.
Vázquez Mao indica que nesa data a interoperabilidade era unha realidade pese a que "curiosamente as concesionarias das autoestradas onde se implantou a experiencia piloto, Audasa en Galicia e Brisa en Portugal, non deron ningún tipo de publicidade á nova situación pese á súa relevancia".
Asegura que, poucos días despois e coincidindo coa ponte do 12 de outubro na que se rexistraron unha gran cantidade de desprazamentos, "os dispositivos non eran lidos polos sistemas de peaxe xerando unha situación de caos e confusión".
Por iso, o Eixo Atlántico considera que actualmente, tras deixar unha "marxe de tempo prudencial para verificar se existe disposición a solucionar o problema", a posición das concesionarias "continúa sendo de absoluto ocultismo e desinterese".
Por iso, solicita á Comisión Europea a creación do servizo europeo de telepeaxe, "creación á que se obrigou a propia Comisión a través da súa propia normativa promulgada hai seis anos e que a día de hoxe non se cumpriu", e tamén insta a abrir unha investigación a fin de delimitar "responsabilidades das concesionarias privadas Audasa e Brisa no incumplimento da directiva europea de interoperabilidade dos sistemas de peaxe".
Relacionadas:
-
Xa funcionan as telepeaxes de NCG Banco en todas as autoestradas portuguesas
Por Redacción |
-
A patronal pontevedresa recomenda non pagar as multas de Portugal por non levar a "Carta Verde"
Por Oskar Viéitez |
-
Haberá rebaixa na peaxe Pontevedra-Vigo antes de 2013?
Por Oskar Viéitez |
-
Os condutores xa poden usar a mesma telepeaxe en Galicia e Portugal
Por Redacción |