'Os de Sempre' abren cunha parodia o "mellor Entroido de Galicia"
Por Redacción
A praza da Verdura acolleu o arranque do Entroido 2014 cunha mostra do mellor humor da agrupación ' Os de Sempre', protagonistas destas festas en Pontevedra dende que hai 46 anos xurdía nos bailes de fachas que se organizaban no Casino Mercantil. Durante o pregón, 'Os de Sempre', liderados por Carlos Mouriño, realizaron unha parodia da historia do Carnaval na cidade combinándoa con temas tan actuais como o proxecto da lei do aborto que promove o Ministro Alberto Ruiz-Gallardón, o famoso pagamento en diferido a Bárcenas que popularizou Dores de Cospedal ou os recortes.
Antes o rei Urco, monarca do Entroido pontevedrés, chegara ata a praza na carroza que mostraba a imaxe do medicamento sen receita Ravachol Fórtex cargado de 'divertina', un produto tan demandado como as tradicionais filloas que se podían degustar na praza do centro histórico.
A chuvia, cuxa presenza se agarda durante todo o fin de semana, apareceu no tramo final da actuación de ' Os de Sempre' cando a agrupación realizaba, ante o numeroso público que asistiu á apertura do Entroido, o seu particular interpretación do 'Marica tú, marica yo' que Los Morancos fixeran popular ao versionar o tema 'Dragostea din tei' de Ozone.
Durante a xornada deste sábado 1 de marzo está previsto que ás 11.00 horas se desenvolvan pasacalles a cargo da comparsa Os Canecos polo centro histórico. Xa pola tarde, ás 16.00 horas, a rúa José Malvar acollerá a inscrición dos participantes do desfile que comezará unha hora máis tarde co percorrido por Loureiro Crespo, Benito Corbal, Peregrina, Michelena, Plaza de España e Alameda. Segundo explicou a concelleira responsable de Festas, Carme da Silva, o desfile vaise celebrar malia que chova, agás que o mal tempo poida poñer en perigo a seguridade dos participantes.
A xornada pecharase ás 20.00 horas na Praza da Ferrería coa festa do Entroido e a entrega de premios do concurso de disfraces.
Relacionadas:
-
Coidado onde aparcades! Xa está aquí Ravachol, o 'ollomóbil' de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Desfile de Entroido de Pontevedra aprázase para o vindeiro sábado 8
Por Redacción |
-
O Entroido 2014 chega con 'Ravachol Fórtex', un medicamento con "altas doses de divertinina" contra os recortes
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |