A APDR recorre a actualización das autorizacións ambientais de Ence e Elnosa
Por Redacción
A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) presentou recursos de alzada contra a decisión da Xunta de Galicia de actualizar as autorizacións ambientais integradas (AAI) a Ence e a Elnosa, ao considerar que se conculcan os dereitos dos cidadáns e atentan contra a defensa do medio.
Segundo expoñen dende a APDR a través dun comunicado, estas resolucións da Administración autonómica teñen como obxectivo adaptar as AAI á nova lexislación europea, que deixaría sen efecto a data de finalización da actividade industrial de Elnosa, fixada na AAI no 7 de xaneiro de 2014, e permite que Ence e Elnosa continúen na ría sen solicitar a renovación das súas autorizacións ambientais.
A asociación ecoloxista denuncia que as AAI concedidas en 2008 polo goberno bipartito da Xunta e renovadas polo do PP en 2011 incumprían os requisitos esixidos pola lexislación. Apuntan, ademais, que no caso de Ence, a concesión se baseou nun acordo de supramunicipalidade anulado polo Tribunal Supremo en 2012.
O colectivo considera irregular a eliminación da data fixada na renovación da AAI a Elnosa porque "supón a aplicación dunha Lei con carácter retroactivo, pero supón, ademais, unha prórroga inxustificada e inxustificábel á contaminación das augas e sedimentos da Ría con mercurio".
APDR denuncia que a Xunta "amosa unha total dependencia das direccións empresariais do complexo de Lourizán e mesmo segue sen cumprir as decisións xudiciais ao respecto".
Por último, a asociación felicita a Salvemos Pontevedra polas sentenzas xudiciais da Audiencia Nacional que resolveu a favor dos recursos presentados por este colectivo e condena ao Ministerio de Medio a incoar expedientes de caducidade das concesións de Ence e Elnosa e obriga a paralizar as actividades que non conten coas preceptivas concesións administrativas.
Relacionadas:
-
A APDR chama a seguir facendo os deberes para eliminar a contaminación da Ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
ENCE presume da derrota da APDR nos tribunais por segunda vez en tres anos
Por Redacción |
-
O TSXG tomba a prórroga da autorización ambiental de Elnosa e confirma a de ENCE
Por Natalia Puga |
-
O Tribunal Supremo ordena ao Estado iniciar un expediente sobre a caducidade de Ence
Por Oskar Viéitez |
-
Desestimado o preito de Ence e Elnosa contra as directrices do territorio
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local súmase ao recurso da APDR contra a autorización ambiental de Ence e Elnosa
Por Redacción |
-
O PP di que ENCE "se precipitou" ao solicitar a prórroga da súa concesión na ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta renova os permisos ambientais de Ence e Elnosa porque "son prórrogas obrigadas"
Por Redacción |