Once agrupacións participarán esta semana no Concurso de Murgas
Por Redacción
O luns ás 21.00 horas comezará no Pazo da Cultura unha das citas máis esperadas das Festas do Entroido como é o Concurso de Murgas no que, nesta edición, participarán once agrupacións. Este sábado desenvolveuse o sorteo na Concellaría de Festas para decidir os grupos que actuaban en cada unha das semifinais.
O luns intervirán por esta orde: Os do Val do Lérez. Sincronizadas olímpicas de Pontevedra; Don Jo-Don; Os da Baiuca; Os de Noalla; Os Garoulos e a Murga do Naveiro presenta Circogénesis. O mércores 5 chegará a segunda semifinal para a que o sorteo determinou que participaran os seguintes grupos: Equipo Ja; Los Goya son cosa de artistas; Murga Femenina de Pontevedra. Pontevisión; Murga de Colon PTV e pechará esta segunda eliminatoria unha das agrupacións habituais destes certames, Amoriños de Bora.
A final será o xoves 6 de marzo ás 21.00 horas tamén no Pazo da Cultura.
Todos os grupos participantes terán que estar compostas por un número mínimo de cinco persoas e un máximo de vinte e terán que ir acompañadas dalgún instrumento. O tempo destinado a cada actuación é de 30 minutos como máximo.
Cada murga recibirá 200 euros como gratificación e a contía dos premios oscila entre os 750 euros que recibirá a cuarta clasificada e os 1.200, que obterá a gañadora.