Cada pontevedrés gastará 6,25 euros en lacón con grelos e filloas
Por Redacción
Cada pontevedrés gastará unha media de 6,25 euros en alimentación típica de Entroido, en especial en lacón con grelos, fillos e orellas. ÿ o resultado dunha enquisa realizada pola Federación Provincial de Comercio de Pontevedra sobre a intención de gasto por habitante durante os días de festas.
A enquisa sitúa a gastronomía tradicional como un dos gastos principais, que suporá 5,9 millóns de euros de consumo na provincia. En total, prevé un gasto de de 13 millóns de euros na provincia este Entroido, dos que os pouco máis de 7 millóns restantes estarían destinados a disfraces.
En xeral a Federación de Comercio observa un aumento da previsión de gasto en disfraces de arredor do 3,9% en relación ao ano 2013 e tamén un lixeiro aumento do número de persoas que se disfraza.
Segundo os datos achegados, o 58% das persoas enquisadas aseguraron participar nos distintos actos que se celebran durante o Entroido. A idade con maior participación é a infantil, pois o 92% dos nenos menores de 14 anos da provincia se disfrazan, cun gasto medio en disfraces e artigos de festa de 12,18 euros.
No caso dos nenos en idade escolar, a Federación de Comercio indica que os menores se disfrazan unha media de seis días durante as festas. A porcentaxe de persoas que participan de forma activa redúcese coa idade, situándose no 51% no caso dos mozos de entre 15 e 24 anos e no 28% entre os maiores de 25. O gasto aumenta a medida que os pontevedreses crecen, pois entre os mozos se cifra en 19,12 euros por persoa e entre os maiores de 25, en 22,95 euros.
Por localidades, Vigo é a que rexistra maior gasto, con 2,4 millóns, seguida dos 635.388 euros en Pontevedra e 282.399 euros en Vilagarcía de Arousa. Este consumo realízase en bazares e tendas de xoguetes, mercerías e comercios de teas, papelarías e drogarías.