Ponte Caldelas apraza ata o 14 de marzo o seu desfile de entroido debido á chuvia
Por Redacción
A choiva segue estragando os plans do Entroido na comarca de Pontevedra. O temporal previsto para este martes obrigou ao Concello de Ponte Caldelas a aprazar unha das súas principais citas desta festa, a tradicional verbena e desfile de entroido. Debido á apertada axenda noutros municipios veciños, pasará a celebrarse o vindeiro venres 14 de marzo ás 21.30 horas.
O desexo de contar co maior número posible de participantes e facer máis vistoso o desfile aconsellaron, segundo destaca o goberno municipal, fixar o día de celebración do concurso de Ponte Caldelas na data "menos conflictiva posible" e que facilitase ao máximo a presenza das comparsas que, chegadas tamén doutros concellos, "dan colorido e esplendor a esta celebración" que alcanza xa a súa undécima edición.
Do mesmo xeito, os organizadores ampliaron ata o xoves día 13, ás 14.00 horas, o prazo máximo para poder inscribir comparsas, grupos e persoas a título individual no concurso de disfraces que se desenvolverá durante o transcurso do desfile de entroido que partirá ás 21:30 horas da rúa José López Boullosa.
O Concello mantén para a presente edición do Entroido de Ponte Caldelas a asignación dun total de 2.370 euros destinados a premiar a orixinalidade, o colorido e o bo humor de grupos, comparsas e disfraces individuais que se inscribiron previamente nas oficinas municipais para participar no concurso.
Os premios do desfile aos que se poderán optar son os de comparsas (primeiro premio de 1.000 euros, o segundo de 500 e o terceiro de 300 euros), grupos (o primeiro levarase 200 euros, o segundo 150 e o terceiro 100 euros) e en categoría individual e comparsa infantil dotados de 70 e 50 euros respectivamente nun único premio para cada un deles.
As comparsas terán un mínimo de 15 participantes e poderán estar acompañadas de carroza, valorándose que a música sexa en directo realizada con instrumentos musicais e interpretarán as súas composicións e pasarrúas de entroido. Deberán tamén gardar unha unidade temática tanto no seu vestuario como na súa actuación.
En canto aos grupos que poden participar no concurso e o desfile de entroido en Ponte Caldelas deberán estar formados por un mínimo de cinco integrantes, poderán ir acompañados de carroza e terán tamén que gardar unha unidade temática. Polo que respecta os disfraces individuais que entren en concurso valoraráselles a súa orixinalidade e dificultade na súa elaboración así como o bo humor desenvolvido polo participante.