A chuvia obriga a aprazar ata o sábado a tradicional 'Corrida do Galo' do Entroido de Cobres
Por Redacción
En Vilaboa tampouco se celebrará o Martes de Entroido. A Asociación Cultural Cobres, organizadores do Entroido de Cobres, e o Concello de Vilaboa acordaron esta tarde aprazar os actos do entroido que se ían celebrar este martes, debido ás previsións de malas condicións meteorolóxicas. Trátase da coñecida como Corrida do Galo, que se celebra tradicionalmente no Parque de Riomaior.
A decisión tomada de común acordo é trasladar para o vindeiro sábado 8 de marzo a Corrida do Galo, xa que a previsión metereolóxica cara o fin de semana é de melloría considerable.
A pesar do cambio de día mantense a mesma programación horaria que estaba prevista para o martes:
- 16:00 horas. Galo no Río.
- 16:25 horas. Galo na Vara.
- 16:40 horas. Entrada do Entroido de Cobres.
- 17:00 horas. Actuación de comparsas.
- 17:45 horas. Predicador e Corrida do Galo.
- 18:15 horas. Despedida das comparsas de Entroido.
- 19:00 horas. Queimada do Galo e fogos de artificio.
A decisión tomouse esta tarde, vendo a evolución e previsión meteorolóxica. O motivo é, fundamentalmente, que os traxes das Madamas e Galáns son traxes moi delicados e de moito valor que non poden ser mollados.
Ademais, todas as actividades que se desenrolan na Corrida do Galo son feitas ao aire libre, polo que manter a actividade prevista, segundo o goberno local, podería supoñer un risco para participantes e espectadores.