Coidado onde aparcades! Xa está aquí Ravachol, o 'ollomóbil' de Pontevedra
Como cada Luns de Entroido, Ravachol renace das súas cinzas para reclamar o seu protagonismo no Entroido da súa cidade, Pontevedra. E este ano, os afiados dardos da súa retranca diríxense ao goberno municipal. E máis concretamente contra o proxecto de 'ollomóbil', o vehículo da Policía Local que controlará as zonas de aparcamento de servizos. ÿ dicir, o coñecido como 'multamóbil'. Así se desvelou este luns.
Ataviado cun uniforme da Policía Local, Ravachol regresa co seu habitual estilo pícaro, burlón e irreverente "para axudar ao Concello a loitar contra a crise, a encher de cartos as arcas baleiras da tesourería local e a recadar diñeiro para facer máis pontes e peonalizar máis rúas, para que o noso alcalde poda ir de viaxe e recoller máis e máis premios", segundo a portavoz da Asociación Recreativa de Xeve, María Simal.
O loro, que como vén sendo habitual mide máis de dous metros e foi confeccionado utilizando unhas 20.000 plumas, actuará estes días como "o gran irmán que ven vixiar a dobre e tripla fila tan común no centro da cidade, a solucionar o grave problema do aparcamento e da circulación, a desconxestionar a problemática rúa Echegaray e a caótica ponte da Barca".
Pero non só se paseará polo centro da cidade, xa que María Simal sinalou que percorrerá as parroquias do rural "na busca de chimpíns mal aparcados, de carros molestos e de colapsos na porta dos furanchos". Entre unhas zonas e outras, concluíu, "ven a facernos a todos máis bos e obedientes e sobre todo algo máis pobres neste tempo de tanta abundancia".
O Enterro de Ravachol celebrarase finalmente o domingo 9 de marzo ás 20.00 horas, ao ser laborable o día siguiente
A presentación da vestimenta elixida este ano para Loro Ravachol celebrouse baixo unha intensa chuvia que desluciu a súa posta de longo. Ao mesmo tempo inaugurouse a recreación da botica de Perfecto Feijóo, farmacéutico e músico pontevedrés, en cuxo establecemento vivía o famoso loro ata o seu falecemento o 27 de xaneiro de 1913. A súa morte foi moi sentida na cidade ao tratarse dun personaxe moi popular entre a sociedade da época.
Precisamente a choiva é o motivo polo que o seu tradicional Enterro cambiará de día. A suspensión do desfile de entroido do pasado sábado obrigou a modificar varios dos eventos máis populares do Entroido pontevedrés. A cidade despedirá ao Loro Ravachol o domingo 9 de marzo, ás 20.00 horas, unha hora antes do previsto, trala petición de numerosos colectivos para que se adiantase ao ser laborable o día seguinte.
MANTENSE A NOITE PIRATA
O que non se cambiará para outro día, segundo a concelleira de Festas, Carme da Silva, é a Noite Pirata, prevista para este Martes de Entroido. A imposibilidade de buscarlle acomodo para outro día é o que levou ao goberno municipal a manter a súa celebración no día que estaba previsto, independentemente das condicións meteorolóxicas, que vaticinan para mañá abundantes choivas en Pontevedra e a súa comarca.