Detida por comprar por 100 euros un iPhone sabendo que era roubado
Por Natalia Puga
Roubar un móbil é delito e compralo sabendo que é roubado tamén. Esta última é a infracción que supostamente cometeu unha veciña do Vao (Poio) de 30 anos que foi detida pola Policía Nacional.
Os axentes atribúenlle un delito de receptación por presuntamente ter comprado a unha veciña súa no poboado do Vao un móbil iPhone que previamente fora roubado nunha obra en construción na rúa Don Gonzalo de Pontevedra. Detivérona porque consideran acreditado que, cando comprou o teléfono, sabía que non tiña procedencia legal.
A orixe deste delito sitúase no pasado setembro, cando un veciño de Pontevedra interpuxo unha denuncia na Comisaría da Policía Nacional indicando que estaba a traballar nunha obra cando unha persoa entrou sen permiso e, por descoido, lle substraeu o teléfono móbil, un iPhone valorado en 600 euros.
A Policía abriu unha investigación para determinar quen roubou o móbil e quen o seguiu utilizando unha vez substraído. Comprobaron que unha veciña do Vao estaba usando o teléfono, de modo que procederon a identificala. Ela explicoulles que non roubara o móbil, senón que o comprara no propio poboado, nas inmediacións do seu domicilio.
A persoa que llo vendeu cobroulle 100 euros por un terminal valorado nun prezo seis veces maior e non lle deu factura nin lle ensinou o xustificante de telo comprado, de aí que os axentes consideren que a compradora sabía que era un obxecto roubado. Este luns 3 de marzo detiveron a usuaria do móbil por un delito de receptación, unha moza que xa tiña antecedentes policiais.
A detida depositou o móbil en dependencias policiais, tras o cal os axentes llo entregaron ao seu lexítimo propietario.