Os veciños aseguran que o barrio de San Roque adolece dunha posta en valor
Por Oskar Viéitez
A asociación de veciños San Roque enviou un escrito ao Concello de Pontevedra no que expón que o conxunto urbano do tramo final do río dos Gafos, coñecido como Moureira de Abaixo, "adolece dunha posta en valor, pavimentacións axeitadas, e o axardinamento que dignifique o máis vello recanto pontevedrés".
O contido do escrito deuse a coñecer este martes, ao tempo que o grupo municipal do Partido Popular anunciou mediante un comunicado que se suma a esta proposta comprometendo o seu apoio.
No seu escrito, esta asociación de veciños di ser "consciente" de que a medio ou longo prazo, esta "dignificación" da contorna pasará "pola peonalización do conxunto", para unilo co restante da senda dos Gafos existente.
Máis na actualidade, á espera destas obras definitivas, o que os veciños de San Roque demandan do Concello "é a visita dos técnicos" para facer un presuposto de limpeza, axardinamento e pavimentación con lousa de granito de algunhas zonas, conservando sempre que sexa posible a orixinal do lugar.
Concretamente na marxe do río denominada "Ribeira dos Peiraos", para a que propoñen facer "un conxunto peonil".
Este martes, María José Rodríguez, César Abal e Jacobo Moreira reuníronse co presidente da asociación, Sabino Martínez, quen lles lembrou que este tramo final dos Gafos, é o conxunto urbano primixenio da cidade de Pontevedra, anterior ao de Santa María e á primeira muralla do século XII. Así mesmo, na Moureira consérvanse moitas das antigas edificacións e, sobre todo, a traza urbana primitiva, co vello hospital de leprosos, as casas mariñeiras que manteñen as súas 'moiras' nas plantas baixas; un vello muíño, aínda que coa súa maquinaria en mal estado, de propiedade municipal; o conxunto doutros dous muíños, coñecidos como os de 'Xoán o Pailán', e o grande lavadoiro.
A asociación entende que a recuperación histórico-artística desta zona da cidade ten un enorme atractivo turístico para o concello pontevedrés e por iso tamén propoñen, aínda que a máis longo prazo, un proxecto de posta en valor do barrio no que se recuperen os vellos peiraos, actualmente baixo o asfalto, e o grande 'Norai' de pedra no leito do río do que se ten constancia.