O verán traerá obras de mellora en oito centros educativos da cidade valoradas en 300.000 euros
Por Natalia Puga
O Plan de Benestar e Accesibilidade na Escola que aprobou a Xunta de Galicia esta semana verase traducido na cidade de Pontevedra en obras de mellora en oito centros educativos valoradas en 300.000 euros.
Así o deu a coñecer este venres o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, durante unha visita ao CEIP Froebel.
Trátase, no caso deses oito centros, de proxectos de pequenas e medianas obras que se desenvolven durante o verán para mellorar cubertas, aseos, ventás e ascensores.
Acometeranse no CEIP Marcos da Portela, o CEIP San Martiño, a Escola de Adultos Río Lérez, o IES Frei Martín Sarmiento, o IES Luis Seoane, o IES Sánchez Cantón, o IES Gonzalo Torrente Ballester e a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.
Trátase dunha actividade de mellora dos espazos educativos "moi intensa" que se realiza, segundo o conselleiro, "pensando fundamentalmente no confort, en mellorar o confort" do alumnado, o profesorado e o persoal de administración.
Segundo a información facilitada polo conselleiro, a Xunta está a acometer ao longo deste ano 134 actuacións en centros educativos de Pontevedra, cun investimento total de máis de 34 millóns de euros.
No caso das pequenas e medianas obras que se desenvolven durante o verán, na provincia de Pontevedra lévanse a cabo 90 actuacións en 87 centros cun investimento de 3,4 millóns de euros. En total, en Galicia son 535 melloras en 385 centros por un importe total de 12,5 millóns de euros, a contía máis elevada dos últimos cinco anos.
Román Rodríguez referiuse ao compromiso da Xunta de renovar os colexios e institutos, co fin de adaptalos ás esixencias actuais. O conselleiro explicou que o Goberno galego "está modernizando os centros de ensino cun investimento sen precedentes, converténdoos en instalacións máis eficientes, sostibles e axustadas ás necesidades educativas".
Relacionadas:
-
A reforma do Valle Inclán, "moi avanzada": as aulas van estar para o 11 de setembro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Educación nega a redución de docentes no IES de Poio pola que dimitiu o equipo directivo: "Creo que se actuou dun xeito precipitado"
Por Natalia Puga |
-
As obras do Froebel, ao 40% e coa previsión de que o curso comece coas aulas e o patio interior rematados
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |