O restaurante Culler de Pau abrirá de novo as súas portas o vindeiro venres 14 de marzo
Por Oskar Viéitez
Javier Olleros, responsable do restaurante Culler de Pau, confirmou que o prestixioso establecemento abrirá de novo as súas portas o vindeiro venres 14 de marzo, xa que o xulgado suspendeu de xeito cautelar o peche do local situado no lugar de Reboredo, no Concello do Grove, e que conta cunha estrela Michelín.
A xuíza basea a súa decisión nos danos e prexuízos que podería supor para o restaurante o peche decretado polo Concello en cumprimento dunha sentenza.
O auto emitido pola titular do Xulgado do Contencioso-Administrativo número dous de Pontevedra atende as razóns esgrimidas polo abogado do Culler de Pau e sinala que o peche do establecemento conleva "danos e prexuízos de imposible reparación". De tal xeito que acorda a suspensión cautelar da resolución da Alcaldía que decretaba o precinto do local por constar contra este un expediente de reposición da legalidade urbanística e por estar traballando sen licenza de actividade.
"Cóllenos nun momento no que estabamos xa ao límite, porque estabamos pensando en buscar outro sitio para poder cociñar"
Javier Olleros asegurou estar "encantado", e afirma que no Culler de Pau "estamos todos moi felices e con moitas gañas de cociñar". Ademáis confesa que a decisión do Xulgado "cóllenos nun momento no que estabamos xa ao límite, porque estabamos pensando en buscar outro sitio para poder cociñar".
"Seguimos co proceso, pero o xulgado nos permite estar co restaurante aberto, como debe ser", concretou Olleros moi preocupado pola perda de clientela e de imaxe que a continuidade do peche podía supor para o seu establecemento además dos prexuizos económicos evidentes.
Así o entende tamén a xuíza no seu auto que sinala que neste caso "ten que falarse de prexuízos de difícil ou imposible reparación, que ademais se causarían non só á entidade demandante, senón a terceiros vinculados a ela, como son, en primeiro lugar, os traballadores do establecemento, de forma que a eses prexuízos económicos engádese o custo social que peches deste tipo implican, e máis nun momento como o actual".
O Culler de Pau continuará cos trámites para obter a licenza definitiva de actividade, sinalou o estrela Michelín.
Relacionadas:
-
Culler de Pau legaliza o seu restaurante no Grove
Por Redacción |
-
O Grove sae á rúa, culler de pau na man, para defender a súa estrela Michelín
Por Natalia Puga |
-
O restaurante Culler de Pau, obrigado ao peche
Por Redacción |
-
Casa Solla, Culler de Pau, Pepe Vieira e Yayo Daporta renovan un ano máis a súa estrela Michelín
Por Redacción |