Louzán remite a Cospedal as explicacións do PP de Pontevedra sobre o caso Gürtel
Por Oskar Viéitez
O presidente do Partido Popular en Pontevedra, Rafael Louzán, asegurou que o xerente do PP provincial "se ten que comparecer está a disposición de poder facelo cando se lle pida".
Nunha comparecencia de prensa na Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, presidente desta institución, foi preguntado polo informe remitido ao xuíz da Audiencia Nacional, Pablo Ruz, por parte da Intervención General do Estado (IGAE) no que se destaca que non existe rastro documental da devolución do embargo ao PP de Pontevedra que, segundo o extesoureiro Luis Bárcenas, se entregou cun pagamento en negro de 50.000 euros que se terían repartido a partes iguais o presidente da formación, Mariano Rajoy, e a secretaria xeral, María Dolores de Cospedal.
Louzán limitouse a responder que "non teño nada que dicir, porque xa contestou a Secretaria Xeral do partido no seu momento", e engadiu que "o informe xa é por todos vostedes coñecido polo que nos atemos a esa circunstancia".
No citado informe, a IGAE sinala que, do exame dos extractos das contas da tesouraría da sede central do PP correspondente aos anos 2009 e 2010 e do Libro Maior e do Diario da sede territorial de Pontevedra nos mesmos exercicios, non se encontrou reflexo contable que poña de manifesto a existencia dalgunha achega por importe de 50.000 euros dende a sede de Pontevedra á sede central.
Rafael Louzán insistiu en que "non hai nada que dicir a ese respecto, xa contestou a Secretaría General con claridade e rotundidade".
A secretaria xeral dos populares, María Dolores de Cospedal, nunha entrevista en Antena 3, declarara que o extesoureiro Luis Bárcenas está en prisión "por temas personales suyos" e que o caso Gürtel "es una trama de personas que se aprovecharon del PP" valéndose da súa "pertenencia o cercanía".