'Os das pistas' gañan a XIX Mostra da Parodia coa súa casa do terror
Por Diego Torrado & Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
'Os das pistas' situáronse na zona de Casa Alcalde, na parte traseira do santuario da Peregrina, e durante toda a noite do venres e parte da madrugada do sábado animaron aos pontevedreses coa súa recreación de 'A casa do terror'. Eran un máis dos oito grupos que este Entroido 2014 se sumaron á Mostra da Parodia, pero o ambiente que xeraron e a boa acollida que tiveron entre o público serviulles para converterse en gañadores do certame.
A música, a imaxinación e o humor foron un ano máis os protagonistas da noite, a penúltima do Entroido, e sacaron á rúa a miles de pontevedreses, que deixaron un dos actos máis multitudinarios desta edición debido ao bo tempo.
Logo de percorrer os oito puntos do casco histórico nos que se instalaron os oito grupos participantes, o xurado deu a 'Os das pistas' o primeiro premio, que conleva 1.300 euros en metálico e o galardón de Ravachol. Os dous segundos premios (cunha dotación económica de 1.000 euros) foron para 'Vamos a todo', que se instalaron na praza de Ourense, e 'Os Fojeiras de Sanxenxo', que instalaron a súa 'A maquina prodixiosa' na praza da Ferraría.
Fixéronse cos tres terceiros premios e os 700 euros que levan aparellados os grupos 'Os de sempre' (situados na praza de Curros Enríquez), 'Amoriños de Bora' (praza da Peregrina) e 'Os do Val do Lérez (praza de España). O resto do casco histórico animárono 'Sorteo Lotaría do Nadal' dende o cruzamento entre Michelena e Gutiérrez Mellado, e 'Equipo Ja', que se ubicou na rúa Benito Corbal.
A noite pechouse cun balance de moita participación e escasos incidentes. O máis destacado protagonizouno un dos integrantes de ' Os de Sempre', que sufriu unha caída mentres saltaba durante un momento da parodia e tivo que trasladarse ao Hospital Dominguez, onde foi operado de urxencia de madrugada dunha luxación nun pulso.
ENTERRO DE RAVACHOL
O Entroido pontevedrés remata este domingo co tradicional enterro do loro Ravachol, que tivo que ser adiado un día por mor da celebración este sábado do desfile de disfraces. A programación do enterro é igual que a prevista inicialmente, agás que se adianta unha hora a saída do cortexo fúnebre.
Pola mañá, ás 12.00 horas, na praza da Peregrina, volverase recrear a botica de don Perfecto Feijoo e xa ás 18.00 horas comezará o velorio de Ravachol na sala mortuoria instalada na praza da Verdura, a onde se prega a asistencia de loito rigoroso. Ás 20.00 horas sairá o cortexo fúnebre acompañado do seu séquito e as comparsas 'Val do Lérez', 'Amoriños de Bora', 'Os Paparrulos', 'A Esmorga', 'Solfamidas', 'Las Flores del Carnaval', 'Vamos a Todo' e 'Os da Caña'.
Logo de percorrer as rúas San Román, Ferraría, paseo Antonio Odriozola, Soportais, Manuel Quiroga, Princesa, Isabel II, rúa Real, Sarmiento e Pasantaría, na praza da Ferraría será a velada infausta e, logo da celebración do cabodano, procederase á incineración do finado.