Un veciño pide o xulgado que investigue o alcalde de Caldas por suposta prevaricación e malversación
Por Natalia Puga
Un veciño de Caldas de Reis presentou unha denuncia ante o Xulgado de Garda da localidade para pedir que se investigue xudicialmente unha serie de actuacións do alcalde, Juan Manuel Rey, que considera que son constitutivas dos delitos de prevaricación e malversación de fondos.
O escrito entregado por rexistro no xulgado o xoves 6 de marzo pon en cuestión tres actuacións en concreto do rexedor caldense: a suposta contratación irregular dun asesor de urbanismo; a súa actuación en relación coa gardería, a súa concesión e a sociedade concesionaria; e o seu proceder en relación coa concesionaria da piscina e o ximnasio municipais.
En relación coa contratación do asesor de urbanismo M.C.A., o denunciante remite os seus cuestionamentos a finais do ano 2009, cando Juan Manuel Rey supostamente iniciou un procedemento para a contratación da prestación de servizos dun asesor de urbanismo para a oficina técnica municipal mediante un procedemento negociado sen publicidade ao que se invitou a participar a tres profesionais. Deles, tan só o finalmente contratado presentou unha oferta e asinou o seu contrato en febreiro de 2010.
O contrato estivo vixente en 2010 e 2011 tras ser prorrogado e a finais de 2011 iniciouse un novo procedemento de adxudicación que supostamente tiña informes desfavorables e reparos de legalidade emitidos pola Secretaría e a Intervención municipais. En 2013, o asesor volveu ser contratado, primeiro, por contrato menor e logo mediante procedemento negociado.
En relación con todos os procesos de contratación de servizos realizados, o denunciante atopa "certas cuestións que chaman poderosamente a atención" que considera que "poden supoñer a comisión dalgún feito delituoso".
A segunda actuación denunciada refírese á gardería municipal que se adxudicou no ano 2004 á empresa 'Trebellos, escola infantil e actividades lúdicas S.L.' e cuxo contrato asinouse en outubro de 2005. O denunciante sinala que "a día de hoxe, e desde hai varios anos, son múltiples as irregularidades legais" en relación coa concesión deste servizo e que "o causante" das mesmas sería o alcalde ,"ben sexa por acción ben sexa pola súa omisión".
Segundo sostén o escrito entregado no xulgado, "as ilegalidades máis claras e manifestas" son de dous tipos: administrativas e económicas. O denunciante pregúntase "cal é o interese do señor Rey para permitir que unha empresa manteña a explotación dunha concesión cuxo contrato finalizou hai máis de tres anos e medio?" e insiste en que en "múltiples" ocasións a Intervención e a Secretaría municipais "alertaron da ilegalidade" dalgunha das actuacións do alcalde.
En relación coa concesión da piscina e o ximnasio municipais, o denunciante sinala que a situación é "similar" á que se produce na gardería e que o alcalde fai honor a un "costume de prexudicar os intereses xerais do Concello de Caldas de Reis en beneficio de profesionais ou sociedades mercantiles particulares".
Engade que en relación con este asunto "os informes emitidos polos servizos de Intervención e Secretaría son, en gran medida, idénticos" aos que afectan á gardería e "tremendamente esclarecedores da actuación levada a cabo polo denunciado".