Cuntis volve renderse ao lacón con grelos
Por Diego Torrado
Cuntis ou, máis concretamente, os seus veciños volveron sucumbir este domingo de Entroido ao poder de atracción do lacón con grelos. Residentes da vila e visitantes encheron o recinto na 17 edición da festa e deron boa conta das 2.500 porcións preparadas sen apenas deixar oco nas cadeiras e mesas.
Dende as 9.30 horas o municipio xa estivo cheo de actividade, coa terceira edición da Ruta BTT Lacón con Grelos, a actuación da Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis e a feira de artesanía e produtos agroalimentarios. A partir das 12.00 horas chegaron os actos centrais da man do actor Fernando Tato, 'Ricardo Muñoz' de 'O Faro', que actuou de pregoeiro.
As mostras de 'A Camelia no Lacón con Grelos', con máis de 100 metros de exposición; 'Cuntis, un paraíso por descubrir' 'Pontevedra, a nosa provincia non recordo' 'Cerámica de Castrolandín' e a VI Mostra de Encaixe 'Palilleiras no Lacón con Grelos' atraeron a un bo número de visitantes, que empezaron a aumentar a partir das 12.30 coa sexta edición do Vespalacón e a mostra de Entroido Tradicional, na que este ano participaron 'Caretos de Grijó de Paradade Bragança, en Portugal.
De todos os xeitos, foi a partir das 14.00 horas, coa apertura do Xantar, cando chegou a apoteose festiva. Xa pola tarde, o velorio e posterior enterro de Chapante serve de punto e final ao Entroido cuntiense.