Berenxenas en tomate con picada de bacallau Pescamar
Chega unha nova entrega da serie "A cociña gourmet en conserva", da man de Conservas Pescamar. Nesta ocasión, imos preparar unha receita que leva como principal ingrediente o bacallau.
A 'picada' é unha preparación propia da cociña catalá que se elabora con diversos condimentos machucados nun morteiro, habitualmente especias, froitos secos tostados, restos de pan duro, allo, pementa, azafrán, entre outros, e ligados cun pouco de aceite, vino ou caldo.
O bacallau é un peixe branco que destaca pola súa achega en proteínas, superior á dalgunhas carnes. É baixo en calorías e en graxas.
Para preparar estas saborosas Berenxenas en tomate con picada de bacallau Pescamar, necesitamos os seguintes ingredientes:
- 4 berenxenas
- 2 latas de Bacallau á biscaíña Pescamar
- 100 g de améndoas picadas
- 2 porros
- 2 cenorias
- 3 cebolas
- 1 pemento vermello
- 1 tomate
- pan relado
- sal e pementa
- ourego
- queixo parmesano
- 750 g de salsa de tomate
Preparación:
Pelamos as berenxenas e partímolas ao longo en dous anacos. Baleirámolas con coidado. Reservamos a polpa.
Cocemos as berenxenas en auga fervendo e sal durante dez minutos.
Para o recheo, refogamos todas as hortalizas cortadas moi finas e a polpa das berenxenas, tamén cortada en anacos pequenos. Cando estean feitas, engadimos as améndoas picadas ata que se torren. A continuación, as dúas latas de Bacallau á biscaíña Pescamar coa súa salsa. Mesturamos ata integrar todos os ingredientes. Salpementamos e especiamos cun pouco de ourego. Reservamos.
Collemos as berenxenas cocidas, untámolas con aceite e pasámolas por pan relado. Enchemos cada unha coa mestura que reservaramos.
Nunha bandexa de forno, poñemos a salsa de tomate e colocamos as berenxenas. Cubrímolas con queixo parmesano e gratinamos ao forno.
En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.