SOS Panadeira, protagonista do Entroido máis reivindicativo de Sanxenxo
Por Diego Torrado
A plataforma cidadá SOS Panadeira protagonizou este domingo de Entroido o desfile e o concurso de disfraces máis reivindicativos dos últimos anos en Sanxenxo, unha cita acompañada polo bo tempo na que se repartiron 7.000 euros en premios.
O Rei Juan Carlos; a infanta Elena; a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González: o presidente do Real Club Náutico, Pedro Campos; o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán; turistas e bañistas; axentes da Garda Civil; xornalistas, cámaras e fotógrafos dos medios de comunicación; ou mesmo sicarios e os polémicos pivotes que se instalaron nos peiraos. Non faltou detalle para protestar contra o proxecto de ampliación do Náutico.
O desfile partiu da avenida Luis Rocafort de Sanxenxo e continuou polo paseo de Silgar, Punta Vicaño, a estrada xeral e a rúa Rafael Picó, ata chegar ao recinto portuario de Portonovo, onde se concentraron os participantes e se repartiron os premios en todas as categorías.
'Rúa de Tronos' levouse o primeiro premio na categoría de grupos de máis de 20 compoñentes, na que tamén se recoñeceu o traballo de 'A Venezia de Leonardo da Vinci' e 'Que Juai, chejou Hawai'. En grupos de 9 a 20 persoas gañaron os Beatles de 'Os Fojeiras de Sanxenxo' e seguíronlles, por esta orde, 'Pasarela de Roberto vide veo ' e ' Os Pexejasos'.
En grupos de ata oito membros, o primeiro premio levóuseo 'Coroa para rato' e tamén resultaron gañadores 'Los viajes de Gulliver' e 'Delicias do mar'. En fantasía os gañadores foron 'Os Canecos' (primeiro premio), ' Os Solfamidas' e Dávos Caña, mentres que en disfraces individuais o primeiro premio foi para a 'Dama do copago' e o resto do podio para 'A Raíña do Mar' e 'O Guerreiro do Dragón'. En parellas, gañaron vos 'Monstruos das Pipas das Colas', seguidos de 'Steam Runk Retroturismo' e 'Peregrinos moi tradicionais'.