O lado máis escuro da nosa sociedade
Por Oskar Viéitez
"O lado máis escuro da nosa sociedade", así definiu o fiscal xefe da Audiencia provincial de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, ao caso que este martes sentou no banquiño dos acusados da Sección Segunda a un veciño de Dozón, acusado por unha nova discapacitada de violala.
Os feitos que se xulgaron presuntamente tiveron lugar hai tres anos.
Segundo o relato dos pais a moza foi abordada polo seu veciño cando estaba soa na vivenda, mentres eles saíran coas vacas.
Ao chegar a casa a nai, estaba soando o teléfono, descolgó e era un axente da Garda Civil respondendo á chamada que minutos antes acababa de facer a moza para denunciar a violación. A nai sorprendida polo que lle estaban contando desistiu de presentar denuncia alegando que a súa filla padecía unha minusvalía.
Pero días máis tarde, e tras ir ao médico a comprobar que a moza non estaba embarazada, formularon denuncia contra o seu veciño ao temer que estas visitas "se convirtan nun costume". E é que ante o tribunal explicaron que non era a primeira vez que ocorría isto xa que, un ano antes, a súa filla contoulles que o veciño a violara.
Naquela ocasión a nai intentou pasar pola vítima dos abusos sexuais, para evitar á súa filla "a vergonza". Hoxe recoñeceu que "ese foi un fallo moi grande".
O Fiscal pediu para o acusado trece anos de cárcere, ao entender que este caso "merece a pena na súa máxima extensión", porque o acusado controlaba totalmente a acción contra unha "vítima peculiar", unha moza cun 72% de minusvalía.
Juan Carlos Aladro puxo este caso como exemplo do "lado máis escuro da nosa sociedade", unha contorna familiar no que hai certo atraso físico, psíquico e cultural, e en definitiva, dixo Aladro, "a realidade social dunhas persoas desvalidas que son as máis propensas a sufrir este tipo de situacións".