Estudan instalar pantallas no Pazo para o seguimento de futuras edicións do Concurso das Murgas
Por Redacción
O Concello de Pontevedra considera a posibilidade de que, en próximas edicións do Concurso de Murgas, se instalen pantallas no vestíbulo do Pazo da Cultura para que o público que non logre entrar na sala durante o evento poida seguilo a través dunha emisión en directo.
A concelleira de Festas, Carme da Silva, sinalou que dende o goberno local se está a estudar esta opción, aínda que indicou que iso supoñería asumir unha produción audiovisual que leva consigo un custo importante.
Da Silva indicou que, en edicións anteriores, os representantes das murgas propuxeran realizar o concurso na praza da Ferrería pero que, despois do mal tempo que se sufriu durante o Entroido deste ano, esa posibilidade queda descartada.
Os tres días en que se celebrou o certame de Murgas 2014, o Pazo da Cultura rexistrou un cheo absoluto con espectadores que, tres horas antes do inicio, se encontraban facendo cola para poder acceder ao auditorio.