Bágoas do capitán do Prestige o día que Galicia chora a década da catástrofe
Por Natalia Puga
O 13 de novembro de 2002 empezaron a saltar as alarmas. Un petroleiro ía á deriva fronte ás costas galegas. Era o inicio dun accidente marítimo que rematou co afundimento do Prestige e dunha catástrofe ambiental que manchou con 67.000 toneladas de fuel as costas españolas dende a desembocadura do río Míño ata o sur de Francia.
Dez anos despois, Galicia recorda aquela marea negra que puxo en xaque a actividade produtiva vinculada ao mundo do mar e que encheu as cotas galegas dunha marea branca de voluntarios. Moitos foron os que nos seus perfís de Twitter e Facebook dixeron que lle saltaba as bágoas mentres recordaban todos aqueles días, semanas e meses posteriores.
Outra persoa chorou hoxe. O suposto responsable principal daquel accidente. O capitán do Prestige, Apostolos Mangouras, celebrou o décimo aniversario do inicio da catástrofe declarando como principal imputado pola causa xudicial. Enfróntase a doce anos de prisión por delitos de desobediencia e contra o medio ambienta e comezou a súa declaración con ton tranquilo e sereno.
Pouco lle durou. A medida que avanzaba a vista, que durou máis de catro horas, foise cansando e emocionando. O seu avogado, José María Ruiz Soroa, aludía ao inicio do xuízo celebrado na Audiencia da Coruña á súa "idade avanzada" para explicar que non respondería ás preguntas de todos os avogados, tan só ás da súa defensa, a Fiscalía, o avogado do Estado e os acusados como responsables civís.
Ten 77 anos e este cansazo deixouse ver ás dúas horas de declaración. O tribunal decretou un receso de dez minutos para que descansase. Retomada a vista, unha hora máis tarde, tivo que producirse outro receso. Neste caso, polas súas bágoas e emoción difícil de conter.
O fiscal empezou a interrogalo sobre o momento no remolcador 'Ría de Vigo' trasladoulle, aquel 13 de novembro, que todo estaba preparado para remolcar o buque. Pediulle ao 'Ría de Vigo': "un momento, porque o buque o ven pola tele as nosas familias". E nese momento non puido seguir declarando. Primeiro entrecortóuselle a voz, logo bebeu auga, pediu perdón ao tribunal e, finalmente, decidiuse un receso doutros dez minutos para que se repuxese.
O resto da súa declaración seguiu con serenidade. Deulle tempo a asegurar que non fora responsable do accidente, a recoñecer que "cando eu asumín o relevo do barco inspeccionei os depósitos de lastre e non observei ningún tipo de rotura, si que vin corrosión, pero eu non estou capacitado para medir a corrosión nin en que punto, pero si que había algo de corrosión", a sinalar que non tiña constancia do mal estado do buque e a adoptar unha postura victimista: "tratáronme como a un criminal".
Mentres, nunha das fachadas do recinto onde se celebra o xuízo, Expocoruña, catro activistas de Greenpeace se descolgaron e colgaron unha pancarta de 12 metros: "¿Dónde están los responsables? Evitemos el petróleo. Evitemos a los irresponsables"e fotos de Arsenio Fernández de Mesa, Mariano Rajoy, Jaume Matas, Francisco Álvarez Cascos e Miguel Arias Cañete, todos eles cargos do Goberno do Estado cando en 2002 se afundiu o 'Prestige'. Permaneceron alí durante todo o xuízo e, ao baixar, foron identificados pola Policía Nacional.
Relacionadas:
-
Presentan o documental '20 anos de dignidade' da plataforma Nunca Máis no Pazo da Cultura
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Prestige, sen culpables
Por Natalia Puga |
-
Nunca Máis: "Cada 10 anos hai un accidente e volvería producirse unha catástrofe como a do Prestige"
Por Redacción |
-
Pontevedreses ás portas do xuízo do Prestige: agora vémonos todos outra vez coas mans negras
Por Natalia Puga |
-
Os concellos pontevedreses reclaman 1,9 millóns polos danos do Prestige
Por Oskar Viéitez |