Un dos acusados polo crime do Umia incrimina os demais
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Héctor Vázquez Liste, Jesús Piñeiro Mera, e Borja Coucheiro Sanjurjo, tres dos catro acusados pola morte de Enrique Monteagudo Caldas, negan a súa participación no coñecido como crime do Umia, acontecido o 22 de xullo de 2010. Non obstante, o último procesado, Adrián Ferro Couto, admite telo presenciado e incrimina o resto dos seus compañeiros de banco na Audiencia Provincial de Pontevedra.
A primeira xornada deste xuízo consumiuse con elección dos nove membros do xurado popular e a declaración dos catro acusados, que tivo lugar pola tarde.
Adrián, que só contestou ás preguntas do seu avogado, explicou que tiña unha "relación normal" con Enrique Monteagudo 'Lucho' que, segundo lle dixera Borja "non sabía como cobrar" unha débeda de 8.000 euros da droga. Por iso citáronlle na Pontenova para "falar con el, non matalo".
Os catro acusados acudiron á cita no mesmo coche e Lucho chegou na súa moto. Segundo a versión de Adrián, alí se produciu unha discusión, a vítima víctima "se encaró con Borja", e Jesús, alias 'Chicho', "sacou unha varra de ferro e deulle con ela na cabeza, e caiu ao chan".
"Foi espontáneo, eu estaba en shock", afirmou Adrián, que acusou a Borja de ordenarlle a Jesús "que acabase con el" cando a vítima aínda agonizaba. "Dixo Héctor: agora hai que acabar o traballo", asegurou Adrián, e entón cortoulle a Lucho no pescozo.
Adrián, que ao longo destes anos relatou cinco versións diferentes do sucedido, asegurou este luns ante o tribunal que Borja lle ameazou con "matar" a súa noiva e a súa familia se lle delataba e que tivo medo a sufrir "represalias" e engadiu que "se soubera o que ía a pasar non iría".
A Fiscalía mostrou unhas barras de ferro que se encontraron na caravana onde Jesús residía, na Estrada, como suposta arma.
Pola contra os outros tres declararon que non coñecían ao falecido e que non estiveran na Pontenova, o lugar de Cuntis onde se produciu a agresión mortal.
"Todo lo que dijo esa persona es mentira", afirmou Borja, alias 'Ziritione', sobre a declaración de Adrián. "Ni traficaba con drogas, ni conocía al chaval ese", dixo en relación á vítima.
A fiscal, Marta Durántez, sinalou que os teléfonos móbiles de Borja e de Héctor sitúanlles na zona onde se produciu o crime. Neste sentido Héctor indicou que no radio de acción dese poste repetidor de telefonía tamén se encontra o seu domicilio. "No he matado a nadie, no conocía de nada a Lucho, no sabía quién era", asegurou.
Finalmente, Jesús alias 'Chicho', que permanece internado no psiquiátrico de Conxo mentres que os demais acusados están en prisión, negou a súa participación nos feitos afirmando que se dedicaba a pedir diñeiro na Estrada, co que logo se desprazaba ao poboado do Vao, para adquirir a droga que consumía.
A vista continuará o martes coa intervención das testemuñas.
A FAMILIA DA VÍTIMA PIDE "RESPETO"
Ao xuízo, celebrado na Audiencia de Pontevedra, acudiron familiares do novo asasinado, Enrique Monteagudo, visiblemente afectados polo desenvolvemento da vista oral. A súa irmá, a única que accedeu a falar cos medios de comunicación, limitouse a afirmar que "esperamos que a xustiza funcione como ata o de agora" e que os acusados sexan condenados á máxima pena que recolle un delito como o seu, 20 anos, "que xa non é nada para unha morte".
Pero sobre todo reiterou en varias ocasións que queren que os acusados e os seus familiares "nos respeten que xa bastante pasamos", xa que asegurou entre bágoas que "esta mañá cando chegou o pai de Héctor Vázquez co seu avogado cando pasou por onde estabamos eu e mais meus pais o único que fixo foi rirse".
Relacionadas:
-
A Audiencia impón 17 anos de prisión ao único acusado ao que o xurado considera culpable do crime do Umia
Por Natalia Puga |
-
O xurado popular declara non culpables tres dos catro acusados polo crime do Umia
Por Oskar Viéitez |
-
O xurado do crime do Umia comezará o venres a deliberar
Por Oskar Viéitez |
-
Gardas civís e forenses declaran na terceira xornada do xuízo polo crime do Umia
Por Oskar Viéitez |
-
Os teléfonos móbiles sitúan os catro acusados polo crime do Umia no lugar dos feitos
Por Oskar Viéitez |
-
Prorrogan a prisión a dous acusados do crime do Umia porque a proximidade do xuízo "incrementa o risco de fuga"
Por Natalia Puga |
-
Revisan se dous acusados do crime do Umia seguen en prisión o mes e medio que falta para o xuízo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Aprazan o xuízo do crime do Umia porque un dos catro acusados "non se encontra capacitado"
Por Natalia Puga |
-
"Para nós, dende logo, a sentencia xa está feita, son culpables os catro do asasinato de meu irmán"
Por Natalia Puga |