Promoven unha protesta o sábado para pedir "un parque para cans digno en Pontevedra"
Por Natalia Puga
O próximo sábado 15 de marzo os propietarios de cans de Pontevedra teñen unha cita na praza de España. Están a promover unha concentración de protesta a partir das 11.00 horas para reclamar "un parque para cans digno" en Pontevedra. Non ás sancións".
O evento xorde en resposta "ao acoso que sentimos os responsables de cans polas sancións a cans que xogan civicamente", pois se trata dun grupo de cidadáns que aseguran que nos últimos días a Policia Local sancionou de forma "excesiva" aos propietarios de cans por pasealos soltos e sen bozo por zonas verdes.
"Nas últimas semanas varios cidadáns foron multados por levar ao can sen bozo pola rúa aínda que estivese con correa ou por soltalo nalgunha zona verde non excluída para cans", explican ao respecto os promotores da protesta.
Como alternativa a estas sancións, o colectivo demanda o Concello de Pontevedra "un espazo digno" no centro da cidade na que as súas mascotas poidan correr e xogar con outros cans. "Os animais necesitan facer exercicio e estar todo o anaco atados e con bozo aseméllase ao maltrato. Por iso solicitamos unha zona habilitada", sinalan.
A convocatoria xerouse a través das redes sociais e xa ten un evento e un grupo creados en Facebook e un hashtag en Twitter (#porunparqueparaperrosdigno) a través dos que difunden a concentración e as súas reivindicacións. Coa mesma queixa xa hai creado dende varios días antes outro evento en Facebook promovida pola Asociación Protectora de Animais Adopciones Galicia, que está a pulsar a opinión dos cidadáns sobre "que é o que podemos facer entre todos para que en Pontevedra habiliten no centro da cidade un parque para cans e que as nosas mascotas poidan correr e xogar".
Relacionadas:
-
Protesta baixo o lema "Un parque para cans digno"
Por Oskar Viéitez |
-
Animalistas lamentan a disparidade de sancións aos donos de cans en Marín e Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Donos de cans inician unha campaña de denuncia: "Nos estamos sintiendo perseguidos"
Por Natalia Puga | Creada e actualizada