Condenan a 15 anos de prisión un grovense por violar a súa filla menor case a diario durante sete anos
Por Natalia Puga
A Sección Cuarta de la Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a 15 anos de prisión ao veciño do Grove José Luis S.S. por violar a súa filla menor de idade "practicamente a diario" durante sete anos. A sentenza condénao como autor dun delito continuado de agresión sexual na súa modalidade de violación e tendo en conta as circunstancias agravantes de especial vulnerabilidade da vítima e prevalimiento.
Segundo recolle a sentenza, o agora condenado se separou da súa muller no ano 2001 e quedou coa custodia dos seus tres fillos menores, dos que os dous máis pequenos eran os seus fillos biolóxicos e a maior non, pero estaba legalmente recoñecida. O pai e os tres nenos vivían no Grove e a nai mudouse a Ferrol e só os vía cando llo permitía o réxime de visitas.
Entre finais de 2001 e o 6 de febreiro de 2008, cunha periodicidade practicamente diaria, o procesado veu mantendo relacións sexuais coa súa filla "para satisfacer os seus desexos sexuais". As relacións mantíñanse no interior da vivenda, tanto no dormitorio coma no salón, e ata 2005 incluíron violacións e a partir de entón tamén felacións.
José Luis S.S. agrediu sexualmente a súa filla dende que tiña 10 anos. "Sempre exerceu a súa autoridade de pai sobre a menor"
Cando comezaron estas violacións, segundo a sentenza, a nena tiña 10 anos e, dende o principio, o home "sempre exerceu a súa autoridade de pai sobre a menor". Obrigábaa a espirse e, se ela non o facía, el quitáballe a roupa á forza.
O fallo xudicial considera probado que a menor non foi consciente do significado daquelas prácticas, que eran moi frecuentes, ata que tiña uns 12 anos. A partir dese momento, cando a menor se negaba a manter relacións co seu pai ou non quería espirse, o procesado golpeábaa na cara e na cabeza e tirábao dos pelos ata conseguir o seu obxectivo. No transcurso deses episodios, se a nena se queixaba dáballe unha labazada.
Estes feitos acontecían xeralmente pola tarde ou pola noite e se estaban os irmáns pequenos na casa, o pai enviábaos ao garaxe a xogar cos seus xoguetes ou ao seu dormitorio a ver a televisión, impedíndolles ir á sala ata que os chamaba. Estas prácticas prolongáronse ata que o 7 de febreiro de 2008 a nena se escapou de casa, abandonou o colexio e marchou a Ferrol, onde residía a súa nai.
Como consecuencia destes feitos, que se xulgaron na Audiencia Provincial de Pontevedra a porta pechada, a vítima sofre danos psicolóxicos como consecuencia das agresións e abusos de que foi obxecto. Ademais de impoñerlle 15 anos de prisión, o tribunal condena a José Luis S.S. a non se aproximar a un radio de 250 metros da rapaza durante 20 anos e a indemnizala con 60.000 euros.