Unhas mil persoas participarán no desfile de entroido de Ponte Caldelas
Por Redacción
O desfile de entroido e a verbena que terá lugar este venres, a partir das 21:30 horas, con inicio na rúa José López Boullosa e remate na Alameda, poñerán fin á celebración do Entroido 2014 en Ponte Caldelas.
A verbena celebrarase na Alameda de Ponte Caldelas e correrá a cargo da Orquestra D ´ Moda quen amenizará a noite carnavalesca unha vez finalice o desfile e procédase á entrega dos premios do concurso de disfraces.
O desfile iniciarase na rúa López Boullosa, para posteriormente pasar pola rúa Puente, Avenida de Vigo, Praza de España e remate na Alameda. Por ese motivo quedará cortado o tráfico nestas rúas a partir das 20 horas do venres, estando tamén prohibido aparcar dende as 19 horas nestas rúas, así como no aparcadoiro da zona de Chan da Barcia, que se reserva para os vehículos e autobuses das comparsas e grupos participantes. A Policía Local xa colocou valos e sinais indicativos, e o goberno local solicita a colaboración veciñal no respecto das devanditas normas para garantir o normal desenvolvemento do desfile.
Numerosas comparsas e grupos inscribíronse xa nas oficinas municipais para participar neste evento que tivo que ser aprazado o martes de entroido debido ás condicións metereolóxicas adversas que recomendaron o seu cambio de data. Calcúlase que aproximadamente 1.000 persoas participarán no desfile, supoñendo un record de participación.