Os usuarios do transporte urbano "siguen baixando", cun "lixeiro repunte" na liña a Monte Porreiro
Por Natalia Puga
O Concello de Pontevedra e as empresas de transporte público que traballan no municipio mostran a súa "preocupación" porque "o número de usuarios do transporte segue baixando". Para intentar poñer fin a este descenso de viaxeiros e fomentar e facilitar o uso do transporte urbano, estanse a deseñar unha serie de medidas e este luns presentouse a primeira delas: a edición de paneis informativos que se instalarán nas paradas de autobuses da cidade.
O concelleiro de Transportes, Miguel Filgueira, presentou o deseño destes novos mapas informativos acompañado polos responsables das empresas de transporte que operan no municipio, Monbus e Autocares Rías Baixas, Javier Lourenzo e Aurelio Cuíña.
Neste contexto de redución de usuarios Filgueira destacou a excepción que supón a liña de autobús entre Pontevedra e o barrio de Monte Porreiro, na que en xullo de 2013 empezou a aplicarse unha nova subvención para as persoas que compraban bonos de 12 billetes.
Nesta liña acumulábanse "varios anos de caída libre", de aí que se puxese en marcha esta nova medida "para intentar paliar esa baíxa". Tras os primeiros meses en vigor, o concelleiro valora a "grata sorpresa" de que "logramos parar o baixón continuo de viaxeiros da liña, incluso me atrevo a decir que hai un lixeiro repunte".
As cifras das que tanto a Administración local coma a empresa Autocares Rías Baixas se mostran "satisfeitos" implican que en febreiro se produciu un incremento duns 1.000 viaxeiros en relación co mesmo mes do ano anterior, ao pasar de 19.000 a 20.000. Non todos os meses deixan cifras igual de positivas, pois en xaneiro os usuarios baixaron de 21.500 a 21.400 persoas, pero si se rexistra un panorama xeneralizado de "estancamento e mesmo lixeira subida" que se mantén dende setembro de 2013.
Os novos paneis informativos que presentou este luns Filgueira teñen como obxectivo "promover o uso do transporte urbano" seguindo a política municipal de primar o transporte peonil, de bicicletas e público. Para iso, ao longo dos próximos 10 días instalaranse en todas as marquesiñas da cidade e, no caso das paradas sen marquesiña, buscaranse outras fórmulas.
Inclúen información aos usuarios do transporte público e ás persoas que circulen pola cidade sobre as liñas de autobús cos barrios e as parroquias, o Metrominuto, as paradas de taxi (incluídas as de vehículos accesibles), o traslado aos tres aeroportos galegos e o portugués de Porto e outro tipo de informacións complementarias como os límites de velocidade 30 na cidade ou teléfonos de contacto coas compañias de transporte.
O panel adxunta un plano da cidade e inclúe como información adicional o dato de que "estamos á espera de de que a Xunta organice un sistema de billetes únicos e interconexións".
Nesta liña, Filgueira sinalou que a rede de transporte público de Pontevedra ten a particularidade de que non inclúe tanto a interconexión interna dentro da cidade coma o traslado ás parroquia do rural e aos concellos limítrofes e engadiu que "estamos esperando que a Xunta tome cartas no asunto" porque é a Administración que ten competencias en transporte metropolitano.