O único acusado polo crime das chinesas de Amado Carballo: "Yo no matar a nadie"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Zhang Hai Jie, único acusado polo dobre crime da cidadás chinesas Guang Qu e Kung Yong no seu domicilio da rúa Amado Carballo en abril de 2009, sostivo este martes a súa inocencia ante o tribunal con xurado que o xulga na Audiencia Provincial de Pontevedra.
"No, yo no matar a nadie", foi a primeira frase que respondeu ás preguntas do fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro. O xuízo comezou pasadas as 12.00 horas, pero esta declaración non comezou ata dúas horas máis tarde, unha vez que o fiscal e os avogados da defensa e da acusación particular expuxeron aos once membros do xurado (nove titulares e dous suplentes) a versión dos feitos. Relatos moi distintos ante os que os integrantes do tribunal non esconderon a súa confusión inicial, agudizada pola dificultade de pronunciar os nomes das vítimas e o acusado.
Zhang Hai Jie recoñeceu que o día 26 de abril, domingo, chegou a Pontevedra acompañado dun segundo individuo, Wen Bin Sun, que está considerado pola Policía principal implicado neste caso, pero que non está sendo xulgado no xuízo que se seguirá toda a semana na Audiencia porque está vivindo en China e o goberno do seu país négase á súa extradicción a España. Hai dictada contra el unha orde de detención a nivel internacional.
O único acusado, que falou asistido por momentos por unha intérprete de chinés mandarín, explicou ao tribunal que vivía en Elche e o día anterior a viaxar a Pontevedra recolleu a Wen Bin en Murcia e emprenderon a ruta. El cría que se dirixían á cidade do Lérez para facer unha transacción económica da que el se levaría unha porcentaxe. Esa transacción non chegou a facerse e, neste sentido, o seu avogado defensor sostén que "le trajeron a Pontevedra con un engaño, él fue utilizado".
Unha vez na cidade, recoñece que si entrou ao piso no que apareceron os dous cadáveres, pero que non executou os dous delitos de homicidio con agravante de abuso de superioridade polos que está no banquiño e polos que se enfronta a 28 anos de cárcere. Non só negou ser o autor material, senón tamén que sexa cómplice. "Yo no ayudar a matar", sostén.
Así, explica que chegaron á casa na que as dúas vítimas exercían a prostitución, abriulles a porta dunha delas (á que asegura que non coñecía previamente) e tras unha conversación, o seu acompañante empezou a manter relacións sexuais con ela. O procesado declara que el non quixo contratar os servizos de prostitución porque "no tenía dinero" e "estaba cansado". Ademais, o piso estaba "sucia" e non quixo quedarse.
A Policía localizou unha pegada dáctilar do procesado na porta dun dos baños da vivenda. Respecto diso, el recoñece que si que percorreu o piso, pero nada máis,"yo allí solo tomé un vaso de agua". Cando o seu amigo e unha das vítimas empezaron a manter relacións "me bajé", di, e esperouno na praza situada xusto diante do piso, onde asegura que fumou e ata durmiu un pouco nun banco.
Recoñeceu que entrou na vivenda, pero nin matuvo relacións sexuais con elas nin as matou nin axudou a matalas á persoa que lle acompañaba, Wen Bin Sun
Segundo a súa declaración, cando o seu acompañante baixou, fóronse xuntos a coller un taxi. Montáronse en Loureiro Crespo, viaxaron ata Ourense, alí colleron un autobús a Madrid, de alí un tren a Murcia e el volveuse a Elche. Asegura que non recorda detalles nin horarios porque transcorreron cinco anos e porque el non sabía falar español e o seu amigo era o que facía todas as xestións.
Zhang Hai Jie, que está en prisión por un delito de falsificación, utilizaba por aquel entón documentación identificativa dun amigo porque non tiña carnet en España. Levaba dous anos vivindo no país, pero "no hablaba español", senón que aprendeu desde que está no cárcere.
Este martes recoñeceu que estivo no piso de Amado Carballo aquel día, pero nas súas primeiras declaracións ante a Policía negouno. Atribúeo a estas dificultades idiomáticas, pois "no entendía español, el policía hablaba muy fuerte, gritaba, yo me asusté".
OITO TESTEMUÿAS
A primeira sesión do xuízo incluíu a declaración de oito testemuñas, entre as que se atopaba J.R.A., un veciño de Poio que chegou a declarar como imputado na investigación para aclarar o dobre crime. Trátase dun amigo dunha das vítimas, Guang Qu, que comprara a medias con ela un piso en León e uns meses antes o crime, en xaneiro de 2009, viaxou a China con ela e coñeceu á súa familia. Insistiu en que non mantiña con ela ningún tipo de relación nin íntima nin profesional, só de amizade.
Esta testemuña declarou na sala que tiña as chaves do piso de Amado Carballo e o 28 de abril utilizounas e entrou no piso. Segundo explica, falou coa vítima o sábado 25 e o domingo 27 varias amigas de Guang Qu de Barcelona chamárona para preguntarlle por ela porque non lles respondía ás chamadas e pedíronlle que fose velas. Cedeu e foi á rúa Amado Carballo, onde primeiro chamou ao telefonillo, logo entrou porque estaba o portal aberto e, xa no edificio, usou as chaves que lle deu a súa amiga e entrou.
Unha vez dentro, di que ao abrir a porta dunha das habitacións viu "un brillo" no chan e o que lle pareceu o tatuaje da súa amiga, pero "por miedo" marchouse de alí. Asegura que non fixo nada máis, non entrou, non viu cadáveres e, ao saír, tirou as chaves. Non dixo nada a ninguén dese achado ou sospeitas e ata o día seguinte pola mañá, 29 de abril, non apareceron os cadáveres. Explica que non quixo dicir nada porque "tengo familia" e "no sabía si era una mafía".
No xuízo falou tamén a persoa que localizou os cadáveres. Trátase dun traballador da inmobiliaria na que tiña alugado o piso Guang Qu. Segundo explicou, a testemuña J.R.A. e outra persoa que se identificou como amigo das vítimas chamárono o día 28 para dicirlle que non sabían nada das dúas mulleres e non podían localizalas e pedirlle se podía entrar ao piso. Ese día non puido ir, pero ao día seguinte pola mañá foi ao piso, ninguén lle abría e entrou usando as súas chaves.
Un amigo de Guang Qu foi ao piso cando as mulleres xa estaban mortas, viu "un brillo" e unha tatuaxe e non avisou a ninguén "por miedo" ás mafias
Segundo declarou, había unha luz vermella no hall, na cociña había dous teléfonos móbiles mergullados en vasos de auga, a primeira habitación estaba revolta e na segunda habitación atopou a cama desfeita e no chan a unha muller morta, maniatada e amordazada. Nese momento, chamou á súa inmobiliaria e á Policía. O piso estaba desordenado e no salón había comida polo chan, un catre e artiluxios eróticos. El non chegou a ver o segundo cadáver.
Tamén pasaron pola sala varios veciños da rúa Amado Carballo e da zona que aquel día 26 de abril viron a cidadáns chineses tanto na rúa como entrando ao edificio no que se produciu o crime. Ningún puido recoñecer ao acusado como un deses cidadáns "de rasgos asiáticos". Tampouco lle recoñeceu o taxista que supuestamente trasladoulles de Pontevedra a Ourense aquel día.
O xuízo retómase este mércores coa declaración dos axentes da Policía Científica e a Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (UDEV) da Comisaría de Pontevedra que levaron a investigación hai cinco anos, cando Kung Yong apareceu estrangulada e Guang Qu asfixiada.
Relacionadas:
-
A defensa pide a absolución do único condenado polo crime das chinesas
Por Redacción |
-
O TSXG aborda o recurso da defensa do condenado polo crime das chinesas
Por Oskar Viéitez |
-
O crime das chinesas de Amado Carballo ten sentenza: 14 anos de prisión para o único procesado
Por Natalia Puga |
-
O xurado declara culpable só dun homicidio o acusado do dobre crime das chinesas
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
O acusado do crime das chinesas fai o seu alegato: "Si las hubiese matado, me iría del país"
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
A Policía sobre o crime das chinesas: "es imposible que una persona sin complicidad pueda hacer este trabajo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Fiscalía pide 28 anos de prisión para un cidadán chinés por matar dúas compatriotas residentes en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O acusado polo crime das chinesas de Amado Carballo rebate as acusacións e pide a súa absolución
Por Natalia Puga |
-
O dobre crime das chinesas, dous homicidios con abuso de superioridade
Por Natalia Puga |