A Policía sobre o crime das chinesas: "es imposible que una persona sin complicidad pueda hacer este trabajo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O dobre crime das cidadás chinesas Guang Qu e Kung Yong no seu domicilio da rúa Amado Carballo en abril de 2009 tiveron que perpetralo"dos personas como mínimo". Así o sostiveron este mércores axentes da Policía Científica e a Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (UDEV) que participaron na investigación e este mércores declararon como testemuñas durante a segunda sesión do xuízo con xurado que se segue na Audiencia Provincial de Pontevedra.
O xefe da Brigada de Policía Científica de Pontevedra foi tallante neste punto e asegurou que "materialmente es imposible que una persona, sin complicidad, pueda hacer este trabajo". O responsable da UDEV pontevedresa comparte esta opinión e mantén que "allí tuvieron que intervenir dos pesonas o más".
Esta tese que manteñen ambos os dous desmonta unha das liñas de defensa do avogado de Zhang Hai Jie, único acusado polo dobre crime, que se centra en acusar a Wen Bin Sun como responsable das mortes e en manter a inocencia do seu defendido malia que ambos os dous varóns acudiron o 26 de abril de 2009 ao piso no que se perpetraron os dous homicidios. Este segundo individuo tamén sae como un dos responsables dos feitos nas investigacións policiais, pero non está a ser xulgado no xuízo que se seguirá toda a semana na Audiencia porque o goberno chinés négase á súa extradición a España.
O responsable da Policía Científica realizou unha declaración moi didáctica aos membros do xurado popular e mostroulles unha composición gráfica con imaxes do piso do crime das dúas vítimas. Os cidadáns puideron ver que o corpo de Kung Yong, a máis nova das vítimas, apareceu no chan do dormitorio, atada e envolvida nun edredón, xusto entre a cama e a parede.
A forma na que apareceu este cadáver serviu aos investigadores para soster que os dous responsables do crime mataron nun primeiro momento a esta rapaza mentres estaba soa na casa e logo escondérona para que, cando a súa compañeira chegase á casa, non a encontrase. "Desde la puerta del dormitorio no se veía el cadáver", sostén o xefe da Policía Científica.
Ao respecto, o responsable da UDEV mantivo que os dous autores do crime primeiro enganaron a outra rapaza, a Guang Qu, para que saíse de casa. Para iso, usaron un número telefónico que se volveu usar despois daquel día para concentar unha cita con ela nunha dirección non existente. Cando saíu do piso para acudir ao encontro co presunto cliente, aproveitaron para chamar e que a outra residente lles abrise.
Os investigadores están seguros de que se Guang Qu estivese na casa non os tería deixado entrar, pois coñecía a Wen Bien Sun e este intentara manter unha relación sentimental con ela, pero ela rexeitouno. De feito, o fiscal do caso, Juan Carlos Aladro, mantén que o móbil do crime pode ser paixonal por ese rexeitamento.
A Policía sostén que os dous supostos autores enganaron a Guang Qu para que saira da casa para conseguir que Kung Yong estivera soa na casa ao chegar
Segundo relataron os policías, cando os dous supostos autores do crime chegaron á casa, estaba soa a outra rapaza, matárona, trataron de ocultala e esperaron a Guang Qu. Ao chegar esta, matárona a ela. No seu caso, o cadáver xa non apareceu oculto. Estaba atadas as mans e con fita tapando os orificios nasais e bucais, a roupa resgada e as mans solapadas. A fita estaba colocada de forma tan "curioso" que ven imposible que fora obra dunha única persoa.
Ao respecto, o avogado defensor preguntou aos policías se tería sido posible que o fixese unha persoa soa en caso de que antes tivese xa golpeado a vítima (a autopsia mostrou que tiña seis golpes) e o investigador interrogado non o descartou, aínda que sostén que a súa tese é que tiveron que ser dous.
A investigación policial permitiu localizar na porta do dormitorio principal, onde apareceu Guang Qu, unha pegada dactilar que atribúen sen ningún xénero de dúbidas a Zhang Hai Jie. Ademais, estes axentes revelaron que tiveron dous españois como sospeitosos do crime, pero descartaron a ambos os dous de forma concienciuda e que foi o tráfico de chamadas telefónicas o que lles levou inicialmente ao acusado que se senta no banco e ao sospeitoso que non foi extraditado de China.
Os axentes da Policía Nacional centraron a maior parte da sesión do jucio deste mércores, na que tamén prestaron declaración axentes da UDEV central de Madrid e unha serie de testemuñas solicitadas pola defensa de Zhang Hai Jie.
Unha destas testemuñas foi un cliente que acudiu á casa de citas que tiñan as dúas falecidas (na que Guang Qu, coñecida como 'Sol' ou 'Sissí', era a responsable) a noite anterior ao día en que supostamente se produciu o crime e que constatou que ambas as dúas estaban vivas, testemuño relevante porque aínda non puido establecerse o momento exacto da morte e as partes se contradín sobre este punto.
O amigo que denunciou na Comisaría: "Guang Qu siempre tenía el teléfono encendido las 24 horas del día. Si no contestaba es que pasaba algo"
Prestou tamén declaración o amigo de Guang Qu que o 28 de abril, día anterior a que aparecesen os cadáveres, presentou denuncia na Comisaría de Pontevedra alertando de que non sabía nada da súa amiga e da súa compañeira dende había varios días. Segundo explicou, acudiu porque tanto unha compañeira das falecidas de Lleida coma outros amigos se puxeron en contacto con el para dicirlle que elas non respondían ao teléfono. "Guang Qu siempre tenía el teléfono encendido las 24 horas del día. Si no contestaba es que pasaba algo", explicou. Ese día a Policía non acudiu ao piso de Amado Carballo e á mañá seguinte o responsable dunha inmobiliaria xa localizou os corpos.
O xuízo continuará este xoves na Sección Cuarta de la Audiencia coas declaracións dos forenses que analizarán as causas e circunstancia da morte das vítimas e prevese que conclúa xa o xuízo e o xurado popular empece a deliberar, segundo adiantou a maxistrada que preside o tribunal, Nélida Cid.
Relacionadas:
-
A defensa pide a absolución do único condenado polo crime das chinesas
Por Redacción |
-
O TSXG aborda o recurso da defensa do condenado polo crime das chinesas
Por Oskar Viéitez |
-
O crime das chinesas de Amado Carballo ten sentenza: 14 anos de prisión para o único procesado
Por Natalia Puga |
-
O xurado declara culpable só dun homicidio o acusado do dobre crime das chinesas
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
O acusado do crime das chinesas fai o seu alegato: "Si las hubiese matado, me iría del país"
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
O único acusado polo crime das chinesas de Amado Carballo: "Yo no matar a nadie"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Fiscalía pide 28 anos de prisión para un cidadán chinés por matar dúas compatriotas residentes en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O acusado polo crime das chinesas de Amado Carballo rebate as acusacións e pide a súa absolución
Por Natalia Puga |