Lores relaciona as críticas do socio de goberno coa precampaña electoral do PSOE
Por Redacción
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, situou no marco da precampaña electoral as críticas realizadas durante os últimos días polos concelleiros do grupo municipal socialista, Antón Louro e Agustín Fernández, en relación co debate das reparticións das dedicacións exclusivas e co cobramento do 'tasazo' de Sogama aos cidadáns sen que o Concello aboe a suba á empresa que xestiona o lixo.
O alcalde desta forma restou importancia a estas críticas na rolda de prensa posterior á xunta de voceiros na que deixou sen aclarar que decisión adoptarán no pleno do luns 24 ante as mocións de urxencia que presente o Partido Popular despois de que o grupo municipal dos populares rompese o acordo non escrito de aceptar a presentación de mocións de urxencia ao rexeitar a do BNG sobre as dedicacións exclusivas no mes de febreiro. Fernández Lores dixo que aínda non tomaron unha decisión sobre a posición que adoptarán ante esa actitude do PP no último pleno. O alcalde criticou tamén a falta de respecto de Jacobo Moreira, voceiro do PP, cara á xunta de voceiros.
Por outra parte, o rexedor apuntou que o goberno local está a negociar coa Deputación para a reparación de estradas afectadas polos temporais deste inverno. Segundo expuxo, presentouse unha proposta da que esperan a resposta. Precisamente, no pleno do proximo luns 24 a concelleira de Protección Cidadá, Carme da Silva, expoñerá as intervencións realizadas durante as cicloxéneses explosivas. Segundo explicou Fernández Lores trátase de informar de todos os operativos que se realizaron por parte dos servizos de emerxencia e empresas concesionarias para resolver problemas durante as xornadas de mal tempo.
Relacionadas:
-
O goberno bipartito de Pontevedra sela as fisuras abertas polo 'tasazo' de Sogama
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE cualifica de 'lamentable espectáculo' o debate sobre as dedicacións exclusivas entre PP e BNG
Por Redacción |
-
A xestión do 'tasazo' de Sogama enfronta ao BNG e ao PSOE no goberno local
Por Redacción |
-
O pleno de marzo volverá debater as dedicacións exclusivas do PP ante a indignación de Jacobo Moreira
Por Redacción |