Atropela e agride un mozo que estaba sentado nun banco na beirarrúa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Un condutor atropelou e agrediu un mozo que estaba sentado nun banco da beirarrúa. Sucedeu ás 12:30 horas na rúa Riestra.
O mozo e a súa parella estaban sentados nun banco acompañados do seu can cando un vehículo se subiu á beirarrúa pasándolle coa súa roda por enriba do pé. Lonxe de pedir desculpas ante tal atropelo, o condutor saíu do seu vehículo e emprendeuna a golpes contra o mozo, sendo agarrado polas dúas persoas que o acompañaban.
Despois dun forcexo e para evitar novas agresións estas persoas introduciron de novo ao condutor no vehículo abandonando o lugar.
Numerosos transeuntes que circulaba pola rúa nese momento foron testemuñas do suceso.
A Policía Local compareceu no lugar dos feitos e recolleu a declaración do mozo agredido que manifestou a súa intención de presentar unha denuncia despois de ser atendido nun centro sanitario polas lesións sufridas no pé.