600 polos 'voan' en 15 minutos para pedir que DIA non os use de produto reclamo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
En 15 minutos esgotáronse mil quilos de polo este xoves na rúa Joaquín Costa. Eran de balde e ducias de pontevedreses de todas as idades e sexo fixeron cola para facerse co agasallo. "Me soluciona la comida de mañana", explicou nada máis facerse cunha bolsa, Nuria, unha das persoas que acudiron á cita.
Non era unha campaña promocional, senón unha protesta, un boicot do sindicato Unións Agrarias e a Asociación de Criadores de Aves de Galicia (Acriaga) ao supermercado Día para conseguir que esta compañía deixase de vender polo por debaixo do prezo de produción.
Para a súa protesta instalaron unha mesa informativa ao pe do Dia de Joaquín Costa e anunciaron aos cidadáns que para que esta empresa os leve á ruina e regale os seus polos prefiren facer o agasallo eles mesmos. O reclamo funcionou e en cuestión de minutos ducias de personas empezaron a agruparse en torno a eles.
Varios centos estaban xa facendo cola na beirarrúa cando pasadas as 12.10 horas empezaron a sacar bolsas con polos dun vehículo estacionado a poucos metros do lugar e a repartilas entre os viandantes. Sen ningún tipo de petición a cambio e coa única norma de que cada persoa podía levar un polo.
Eran as 12.29 e xa non quedaba nin rastro dos mil quilos de carne. Repartíranse 600 polos de 1,5 quilos cada un e aínda quedaban varias ducias de cidadáns á espera. Todo un éxito de protesta que, ademais, este xoves tivo outra recompensa a maiores do apoio cidadán. Día comprometeuse a subir o prezo do polo.
No mesmo momento no que se esgotaban os polos na rúa Joaquín Costa os produtores que estaban na protesta coñeceron que o supermecado xa non vendía o polo enteiro e limpo a 2,15 euros. Este xoves subiron o prezo a 2,32 euros, 17 céntimos máis.
Trátase dun acordo de última hora que frea as protestas que Unións Agrarias e Acriaga xa tiñan programadas para a vindeira semana en Ourense e Lugo, pero non é unha victoria nin lles fará baixar a garda. Seguirán vixiantes para controlar que ningunha outra empresa use o polo como produto reclamo e o venda por debaixo do prezo de produción, que o Ministerio de Agricultura fixou en 2,73 euros. O Estudo da Cadea de Valor que elabora o Ministerio de Agricultura anualmente fixa para 2011 un prezo de referencia para a venda que non debe ser inferior 2,73 euros o quilo.
Sosteñen que os prezos que mantiña hasta este mesmo xoves Día e outro tipo de promocións que fan as cadeas de distribución son unha verdadeira ameaza para o sector e a súa estabilidade. De momento, en 2013 provocou o peche de 120 granxas e no que vai de 2014 avocou a esta situación a 56. Ademais, o ano pasado deixou perdas no sector de máis 50 millóns e este ano acumulou 3, 5 millóns en tan so tres semanas que leva Día coa súa promoción.
O presidente de Acriaga, Javier López, explica que "de non poñer remedio a esta situación, ao que temos medo os produtores de polo é a que non soamente isto vaia existir senón que teñan a tentación de non parar esta escalada, que otras distribuidoras vaian unha detrás de outra e afundan o sector", do que en Galicia dependen 5.000 postos de traballo.
Unións Agrarias puxo a situación en coñecemento da Agencia de Información y Control Alimentarios do Ministerio de Agricultura e do Instituto Galego de Consumo e Competencia coa entrega dun informe elaborado polos técnicos do sindicato en todas as comunidades autónomas no que se detecta "o movemento especulativo a nivel de todo o Estado da cadea Día para alterar as normas de mercado".
"Non ten sentido que habendo mecanismos tanto por parte da Xunta de Galicia como do Ministerio de Agricultura para esta situación e que teñan a información e non estén actuando. Non nos parece de recibo que teñamos que facer nós, os produtores de polo, de policías da distibución, pero imos seguir facéndoo, non nos queda outro remedio e non imos cesar na nosa loita ata conseguir a estabilización do prezo", sostén Javier López.
Ao respecto, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, criticou que "pese a unha lei que se aprobou no Parlamento que ía impedir vender produtos agrarios como produtos reclamo por debaixo dos prezos de producción, o Goberno se da por satisfeito con aprobar a lei e non grarantir o seu cumprimento".