O acusado do crime das chinesas fai o seu alegato: "Si las hubiese matado, me iría del país"
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Zhang Hai Jie, único acusado do dobre crime das cidadás chinesas falecidas no seu domicilio da rúa Amado Carballo en abril de 2009, aproveitou este xoves a súa posibilidade de realizar unha alegación final ante o xurado que lle xulga na Audiencia de Pontevedra para manter a súa inocencia e achegar a súa argumentación sobre por que non puido ser el quen acabou coa vida de Guang Qu e Kung Yong. "Si las hubiese matado, habría tirado el teléfono (...) me iría del país", tratou de facer razoar os membros do tribunal popular.
Pouco antes das 13.00 horas deste xoves o xuízo se deu por concluído e a maxistrada que preside o tribunal, Nélida Cid, citou aos integrantes do xurado para entregarlles o obxecto de veredicto, isto é, as preguntas que deben responder para determinar se o acusado é culpable ou non culpable dos feitos que se lle atribúen. Con esas cuestións xa na man, deliberaron durante toda a tarde e pasadas as 21.00 horas anunciouse que o veredicto non se dará a coñecer ata este venres.
Previamente, Zhang Hai Jie puido dirixirse aos nove xurados e sinalou que considera que "yo también soy una víctima". Ademais, defendeu que"solo vine a España a trabajar" e tirou de sentimentalismos recordando o seu pai. Asegurou que cando era pequeno o seu proxenitor lle explicou que "las palmas hacia abajo y no hacia arriba, para trabajar, no para mendigar".
El fixo caso ás ensinanzas paternais e dende que chegou a España uns dous anos antes do crime de Amado Carballo "solo trabajé", fíxoo durante "más de diez horas al día, siete días a la semana".. Todo explicado nun castelán incorrecto e con imprecisións lingüísticas, pero sen necesidade de recorrer aos servizos da intérprete de chinés mandarín que se sentou ao seu lado na sala durante os tres días de xuízo.
O xuízo retomárase este xoves, primeira hora da mañá, coa declaración dos dous forenses que realizaron a autopsia das dúas cidadás chinesas e que coinciden coas teses policiais de que a morte de polo menos unha delas requiriu a intervención de dúas persoas, non puido facela un só autor.
Os forenses: "Creemos que intervinieron por lo menos dos personas"
En concreto, consideran que fixo falta máis dunha persoa para rematar coa vida de Guang Qu. "Creemos que intervinieron por lo menos dos personas", sinalaron e explicaron que unha persoa soa non tería sido capaz de sugetar á vítima polas mans e os pés e taparlle a boca e o nariz con fitas "tan bien puestas"
Engaden que "hay muchas lesiones como para que fuesen hechas por un solo individuo". Segundo as súas conclusións os autores do crime reduxérona agarrándoa das pernas, os antebrazos e os ombros e atárona de pés e man antes de asfixiala.
Segundo indicaron, Guang Qu tivo "una forma de muerte muy terrible", que foi "angustiosa" e "no tuvo una muerte inmediata" senón que estivo a agonizar durante un longo anaco. Nos seus informes conclúen que morreu por asfixia por sufocación e que intentou defenderse, pois hai pegadas de defensa e signos de loita no seu corpo.
Guang Qu tivo "una forma de muerte muy terrible", "angustiosa" e "no tuvo una muerte inmediata"
No caso de Guang Qu fixan a súa morte entre a tarde do domingo 26 de abril e o luns 27, pero "no hay forma de determinar con más precisión". No caso da outra vítima, Kung Yong, a morte sitúana entre as 20.00 horas do sábado 25 de abril e as 20.00 horas do domingo 26. Non concretaron máis a pesar da petición do avogado defensor, que sostén parte da súa defensa en que as dúas vítimas morreron con polo menos 12 horas de diferenza e non durante a visita do único acusado ao piso na tarde do 26.
No caso de Kung Yong, o corpo estaba nun estado de putrefacción máis avanzado que, segundo os forenses, se debe a que nos cadáveres que quedan nus e ao aire se retarda a putrefacción e se están tapados acelérase. Esta muller apareceu envolvida nun edredón.
Os seus informes indican que esta vítima, a máis nova das dúas e segundo o fiscal e a acusación a que morreu de primeira, morreu por estrangulamento a man combinado por un lazo. No seu caso, aseguran que "no tenemos ningún dato" para dicir se foron un ou dous atacantes os que acabaron coa súa vida, podería telo feito unha persoa soa se antes a someteu "por miedo".
Tras escoitar os forenses tanto o fiscal coma os avogados da defensa e da acusación particular (que exerce a familia das vítimas) elevaron a definitivas as súas conclusións provisionais. O fiscal (que si que aclarou aspectos formais do seu escrito de acusación como un "error" de datas) e a acusación piden para o acusado 28 anos de prisión como coautor de dous homicidios con abuso de superioridade que tería cometido en complicidade cun segundo individuo, Wen Bin Sun, que non puido ser extraditado de China. A defensa pide a súa libre absolución.
Relacionadas:
-
A defensa pide a absolución do único condenado polo crime das chinesas
Por Redacción |
-
O TSXG aborda o recurso da defensa do condenado polo crime das chinesas
Por Oskar Viéitez |
-
O crime das chinesas de Amado Carballo ten sentenza: 14 anos de prisión para o único procesado
Por Natalia Puga |
-
O xurado declara culpable só dun homicidio o acusado do dobre crime das chinesas
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
A Policía sobre o crime das chinesas: "es imposible que una persona sin complicidad pueda hacer este trabajo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O único acusado polo crime das chinesas de Amado Carballo: "Yo no matar a nadie"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Fiscalía pide 28 anos de prisión para un cidadán chinés por matar dúas compatriotas residentes en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |