Sorpresa e "incredulidade" do alcalde do Grove ante a reclamación de Sanxenxo
Por Redacción
O anuncio por parte do Concello de Sanxenxo da súa intención de reclamar a titularidade de toda a extensión da praia da Lanzada causou sorpresa e "incredulidade" no alcalde do Grove.
Miguel Pérez quixo contestar rapidamente aos seus veciños, asegurando que "equivócase o Concello de Sanxenxo e, polo tanto, equivócase a súa alcaldesa", ao que engadiu que "non alcanzo a comprender a estas alturas, e con todos os problemas que temos os concellos, que un representante municipal gaste esforzos e recursos neste tema".
Pérez augura pouca vida á petición, recordando que "A Lanzada pertence ao municipio do Grove, historicamente e por lei natural, que di que este tipo de arenais, cando nacen, pertencen á illa que se anexionan. Polo tanto, non hai lugar a dúbidas".
Miguel Pérez: "Esta declaración de intencións ten todos os ingredientes para querer tapar outro tipo de problema"
O rexedor meco mostrouse ofendido polo xeito de proceder de Sanxenxo, ao "lanzar esa declaración publicamente e sen avisar" cando o pasado xoves ambos os dous alcaldes coincidiron na xornada de Vilas Mariñeiras, sen que Catalina González, engade, fixese referencia "en ningún momento" a este asunto.
Para concluír Miguel Pérez fala con contundencia de que, segundo o seu parecer, "esta declaración de intencións ten todos os ingredientes para querer tapar outro tipo de problemas e converterse nunha cortina de fume para distraer a atención dos veciños, atención que de seguro está noutros frontes".
Relacionadas:
-
Louzán insiste en que A Lanzada non pode ser obxecto de disputa entre Sanxenxo e O Grove
Por Redacción |
-
O Grove leva ao Pleno unha moción sobre A Lanzada para "defender o que lexitimamente nos pertence"
Por Diego Espiño |
-
O surf borra as fronteiras na Lanzada
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo enfróntase ao Grove e reclama a titularidade de toda a praia da Lanzada
Por Redacción |