Pensionistas de CC.OO. concéntranse ante o Ambulatorio Virxe Peregrina contra os recortes en Sanidade
Por Anxo Lourido
Un pequeno grupo de pensionistas e xubilados de Comisións Obreiras (CC.OO.) concentrouse ante as portas do Centro de Saúde Virxe Peregrina como acto de protesta ante os recortes nos dereitos do Estado de Benestar e, en concreto, no ámbito da saúde.
O secretario xeral de pensionistas e xubilados de CC.OO., Luís Camiñas, indicou que "na Sanidade están a pegarnos por todos lados, cos copagos, pagos, os adiantos noutras comunidades...". Segundo indicou esta situación acabará afectando á saúde de todas as persoas e con máis dureza á poboación de maior idade: "vamos arrastralo todos se non facemos forza"..
Camiñas afirma que "somos o colectivo máis necesitado" e engadiu que hai unha ampla cantidade de medicamentos que foron quitados das listas da Seguridade Social "para dar máis riqueza ás multinacionais e ás farmacéuticas e cada vez que temos que recibir unha medicación che digan que non a cubren".
Ante a ausencia de apoio na concentración, o representante de CC.OO. afirmou que "acomodouse a sociedade. Parece que ata que acontecen as cousas, os medios non lle dan moita repercusión" e sinala que "se non nos movemos, si que non nos van facer caso".