Dous anos de cárcere por romper os catro únicos dentes que lle quedaban a un home en Marín
Por Natalia Puga
Dous irmáns aceptaron este martes unha condena a dous anos de prisión como autores dun delito de lesións por dar unha malleira a outro home no parque Eguren de Marín na que, entre outras lesións, lle provocaron a "perda completa dos catro incisivos inferiores, únicas pezas dentarias que restaban ao lesionado".
Eses catro dentes eran, ademais, as pezas ás que a vítima fixaba a prótese inferior que levaba na boca e que rompeu durante a agresión, de modo que complicou a fixación dunha nova prótese. Ademais, o agredido sufriu a rotura en dous fragmentos da prótese dentaria da parte superior da boca.
Os dous procesados polas lesións, Bruno C.I e Juan Gabriel C.I, sentáronse este martes no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra e ambos os dous recoñecéronse autores dos feitos e chegaron a un acordo de conformidade coa Fiscalía e a acusación particular que exerce a vítima.
O fiscal pedía inicialmente para cada un dos acusados unha pena de tres anos e nove meses de prisión, pero aplicou a circunstancia atenuante moi cualificada de reparación de dano e reduciu a súa petición. Os dous procesados conformáronse con dous anos de prisión que, no caso dun deles, se substituirán por 48 meses de multa a razón de tres euros diarios.
Tanto a fiscal coma o avogado da acusación admiten que se suspenda a pena dos acusados e estes non teñan que entrar en prisión por este delito, pero coa condición de que aboen á vítima todo o diñeiro que se lle impón en concepto de responsabilidade civil. Deben pagar 6.500 euros á vítima e, ata o momento, déronlle 5.000.
Segundo os feitos que aceptaron os procesados, todo aconteceu sobre as 20.30 horas do 29 de setembro de 2012 no parque Eguren de Marín. Ambos "os" dous movidos pola intención de quebrantar a integridade física" doutro individuo agredírono propinándolle varias patadas e puñazos, mesmo cando se encontraba no chan a consecuencia do ataque.
Como consecuencia da agresión, provocárono lesións que requiriron unha intervención cirúrxica, tardaron 30 días en curar e deixáronlle como secuela a pérdida dos citados dentes incisivos e cicatrices no labio, o bordo labial e o xeonllo.