Nos colexios de Pontevedra non funcionan os enchufes
Por Redacción
Os centros educativos de Pontevedra teñen deficiencias nas instalaciones eléctricas, que poden ir dende o cableado ata os enchufes e conexións. Así o deu a coñecer este martes a Federación Provincial de Anpa de centros públicos (Fanpa) nun encontro co xefe territorial de Cultura e Educación de Pontevedra, César Pérez Ares na que os novos presidente e vicepresidente da entidade, Rogelio Carballo e Miguel Ángel Sánchez, se deron a coñocer e analizar a situación dos centros educativos da provincia.
Un dos temas que expuxeron os novos responsables da Fanpa foi a necesidade de mellora dos centros educativos, en especial, en relación ás instalacións eléctricas. Pérez Ares matizou que "desde Educación estamos a traballar nesta cuestión, porque somos conscientes de que se trata dunha prioridade, tanto para garantir a seguridade dos nenos e os equipos escolares, como para poder aplicar os plans Abalar, xa que sen unha boa rede de datos non funcionaría".
Segundo informa a Xunta nun comunicado, sobre a mesa expúxose a necesidade de manter o diálogo construtivo entre ambas partes de cara a continuar a colaborar para a mellora da calidade do ensino público. Por parte da Xefatura Territorial brindouse a colaboración "sempre tendo en conta a importancia de optimizar recursos, en especial no presente ano, no que nos atopamos cunha situación excepcional motivada polo gran número de obras a realizar nos centros a causa dos sucesivos temporais sufridos na nosa provincia".
O xefe territorial deulles un primeiro avance de datos da escolarización do próximo curso educativo. "Segundo os datos que estamos a recoller, estamos a observar unha importante baixada da natalidade, o que fai que a oferta de prazas para nenos de 3 anos, que segue a ser a mesma que en anos anteriores, sexa moi superior á demanda", explicou Pérez Ares.