O mozo de 17 anos desaparecido regresa á casa
Por Natalia Puga
O veciño de Pontevedra de 17 anos José Manuel Mosquera Grela, desaparecido da súa casa dende o venres 21 de marzo, xa está totalmente localizado dende última hora deste martes e este mércores está previsto que regrese á casa e a Pontevedra.
O menor puxérase en contacto cos seus pais ao longo da mañá do martes para comunicarlles que se encontraba ben e a última hora do día volveu chamalos por teléfono para comunicalos que se encontraba en Madrid e quería regresar á casa, na rúa Xoán Carlos I.
Tras recibir a chamada, os pais dirixíronse en coche a Madrid para recollelo e puxéronse en contacto cos axentes da Policía Nacional que levan a investigación da súa desaparición para comunicarlles que o rapaz aparecera. PontevedraViva intentou sen éxito porse en contacto cos proxenitores.
Segundo confirmaron fontes policiais, está previsto que este mércores xa se atopen de regreso e o pai acuda á Comisaría para retirar a denuncia interposta sobre as 18.00 horas do venres, cando o menor levaba varias horas en paradoiro descoñecido. No momento en que a retire, desactivarase a alerta activada para a súa busca, que nas últimas horas se estendera a todo o territorio estatal.