Un veciño de Cambados recoñece que intentou abusar dun menor e acepta catro anos de cadea
Por Natalia Puga
O veciño de Cambados N.O.S. recoñeceu este xoves na Audiencia de Pontevedra que en decembro de 2012 cometeu un delito de abusos sexuais en grao de tentativa que tivo como vítima a un menor de 13 anos. Os feitos producíronse nun piso de Portonovo (Sanxenxo) e por eles o acusado aceptou unha pena de catro anos de prisión.
N.O.S. sentouse este xoves no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia Provincial, pero o xuizo non tivo que celebrarse. Aceptou o acordo de conformidade que lle ofreceu a Fiscalía, segundo o cal o Ministerio Público reduciu a súa petición de condena de seis a catro anos de prisión.
Aceptado o acordo, recoñeceuse autor dos feitos que lle imputan e xa se considera que a sentenza é firme contra el. Deberá cumprir o período de privación de liberdade e outros seis anos de prohibición de achegarse ao menor vítima neste proceso.
Segundo o relato dos feitos que aceptou o acusado, sobre as 20.30 horas o día 14 de decembro de 2012 se encontraba no que era o seu domicilio, en Portonovo en compañía do menor de idade. Estaba no seu dormitorio e "obrando coa finalidade de satisfacer o seu apetito sexual", sen mediar violencia nin intimidación, intentou manter relacións sexuais co menor. Foron sorprendidos pola súa compañeira de piso "que ao escoitar xemidos de natureza sexual decidiu entrar no cuarto".
O acusado non presenta patoloxía psiquiátrica que lle impida coñecer a realidade e actuar conforme a ela, pero padece "desaxustes de personalidade", con sintomatoloxía ansioso depresiva e cun "cociente intelectual medio baixo".