O convenio entre Defensa e Salcedo está rematado e pendente só do informe da Xunta
Por Natalia Puga
Toda a documentación necesaria para a firma do convenio entre o Ministerio de Defensa e os comuneiros de Salcedo para o uso dos terreos que ocupa a Brigada de Infantaría Lixeira (Brilat) está rematada e agora tan só queda que a Xunta de Galicia o revise e xa poderá asinarse.
O presidente da comunidade de Montes de Salcedo, Fernando Pintos, confirmou este xoves que toda esa documentación "terminámola a semana pasada", e que el mesmo acudiu á Delegación de Defensa en Pontevedra para recoller a última versión.
Unha vez que Defensa e os comuneiros se puxeron de acordo en todos os termos do convenio e o uso do monte, todo foi remitido á asesoría xurídica da Xunta de Galicia para que a revise. Segundo os prazos que se manexan, se espera que o informe autonómico tarde entre unha e dúas semanas, de modo que todo estaría preparado para que o convenio poida asinarse "a semana anterior ou a posterior a Semana Santa".
Fernando Pintos confía en que a Xunta emita informe favorable e a sinatura do convenio non se atrasará máis alá da semana seguinte a Semana Santa. De todos os xeitos, confirma que a data definitiva de firma non alterará o resultado do acordo, pois o pagamento do canon polo uso do monte terá carácter retroactivo e empezará a aplicarse dende o mes xaneiro.
Segundo indicou, a documentación non se concluíu antes por demoras vinculadas á burocracia e por aspectos finais como unha cesión e unha permuta. O traballo dos peritos para as medicións do monte e dos terreos de Salcedo que se cederán a Defensa para uso da Brilat concluíu xa hai ao redor dun mes e os comuneiros xa ratificaron en asemblea asinar o acordo.
A base General Morillo pasará a ocupar 123 hectáreas. As edificacións afectarán a 30,50 hectáreas de Salcedo e 6,36 dos comuneiros de Figueirido e o resto estará dedicado a zonas de adestramento, campos de tiro e outro tipo de usos necesarios para o traballo diario da Brilat.