Os donos dunha casa de Marín sorprenden in fraganti dous ladróns
Por Natalia Puga
A Policía Nacional de Marín detivo este mércores a dous supostos ladróns que minutos antes foran sorprendidos polos donos dunha vivenda in fraganti dentro da súa propiedade. Ao velos, escondéronse baixo o oco da escaleira e logo pretenderon escapar, pero antes de que o lograsen chegaron os axentes policiais que xa foran alertados e arrestáronos.
Os feitos aconteceron sobre as 12.30 horas deste mércores nunha casa da rúa Inferniño de Marín situada dentro dun terreo totalmente pechado. Un familiar dos propietarios alertounos da presenza de estraños, de modo que se achegaron ao lugar. Ao chegar, viron dúas persoas na zona da primeira planta que, ao velos, agacháronse debaixo da escaleira.
Nese momento, os donos chamaron a Policía. Os axentes trasladados á casa conseguiron deter os supostos ladróns, que aínda estaban na propiedade, cacheáronos e detivéronos por un presunto delito de roubo con forza. Trátase de dous mozos de 18 e 27 anos que, pola tarde, tras prestar declaración ante os axentes, foron postos en liberdade. Agora deberán comparecer ante o xuíz cando os cite.
Cando os policías e os propietarios entraron na casa encontráronse con que na porta de entrada había varias bolsas cheas de obxectos que supostamente pretendían ser roubados polos detidos, entre os que había un microondas e varios aparellos de cociña tales como tixolas, espumadeiras ou tesoiras de cociña.
A propietaria da casa xa presentou denuncia polo roubo na tarde do mércores e especificou que había tres accesos á vivenda con probas de ter sido forzados. Trátase dun cristal da planta baixa que apareceu fracturado e das portas da bufarda e da porta principal que sufriron a mesma sorte.
Xa no interior, asegura (e así acreditouno a inspección policial) que a casa estaba revolta e os caixóns e armarios abertos. Tamén botou en falta un decodificador de TDT.