Piden cinco anos de prisión a un empregado de banca que se apropiaba de diñeiro de clientes no estranxeiro
Por Natalia Puga
Un empregado de banca enfróntase a cinco anos de prisión como presunto autor dun delito continuado de apropiación indebida por realizar "operacións contables irregulares" con fondos de clientes non residentes en España que ingresaban na súa sucursal de Tui divisas estranxeiras.
O home, D.F.M., sentarase no banco dos acusados da Sección Cuarta de la Audiencia de Pontevedra o próximo martes 1 de abril para render contas por un delito que tería cometido entre os anos 1998 e 1999, nos que exerceu o cargo de xestor de clientes e responsable do Departamento de Estranxeiro nunha sucursal do Banco Santander Central Hispano.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, o acusado utilizou fondos que debía xestionar para clientes emigrados e, sen autorización dos seus titulares, realizou "toda unha serie de operacións contables irregulares á marxe da operativa e da práctica bancaria establecida pola entidade".
O fiscal atribúelle que cancelaba ou detraía cantidades de depósitos de divisas constituídos por cidadáns non residentes en España e realizaba con eses fondos operacións de arbitraxe para convertelas noutra moeda. As cantidades resultantes situábaas nunha conta transitoria e dende ela realizaba diversos tipos de operacións bancarias que dificultaban o seguimento do diñeiro e lle permitía acabar ingresándoo en depósitos doutros clientes do banco que non tiñan relación cos verdadeiros titulares dos fondos.
Eses clientes aos que ingresaba o diñeiro que non era seu abriran previamente depósitos na sucursal na que traballaba o acusado entregándolle a este "fondos ou cheques que non foran debidamente ingresados na contabilidade da entidade".
Como consecuencia destes feitos, o Banco Santander resultou prexudicado ao verse na obriga de reintegrar aos titulares dos depósitos dos que retirou os fondos as cantidades das que foron desprovistos, así como as comisións e xuros que o banco deixou de percibir. En total, a perda total ocasionada ascende a 347.056,65 euros.
O fiscal pide ao acusado a pena de cinco anos de prisión, unha multa de 12 meses a 25 euros diarios e o pagamento dunha indemnización de 347.056,65 euros polas perdas causadas ao banco.