Os comuneiros de Salcedo queren 80 hectáreas ocupadas pola Brilat para uso propio
Por Anxo Lourido
O presidente da Comunidade de Montes de Salcedo afirmaba satisfeito que "os ditadores quitáronos o monte e a democracia nolos devolve". E desta forma o colectivo dá por concluído o litixio co Ministerio de Defensa pola titularidade dos terreos que ocupa na Base General Morillo. A sentenza concede a razón aos comuneros despois de tres anos de proceso xudicial e recoñece que as 179 hectáreas pertencen á Comunidade de Montes.
A avogada Cristina Bugarín sinalou que "non se lles condena a desaloxar o terreo porque non o pedimos na demanda. Trátase dun terreo ocupado para prestar un servizo público. Agora abrirán un proceso de negociación ou unha expropiación de mutuo acordo ou unha cesión temporal do terreo". Sinalou que a sentenza de Salcedo é firme por un descoido da Avogacía do Estado mentres que hoxe se votan os recursos de apelación de Figueirido e Vilaboa.
Fernando Pintos explicou que o 23 de outubro se reuniron co xeneral Alonso Miranda quen recoñeceu que os terreos son dos comuneiros e lles indicou que vai enviar un informe definitivo a Defensa para que se nomee unha comisión que negocie as condicións de cesión para a superficie da base que necesita 170 hectáreas de terreo.
80 hectáreas para uso público
O próximo xoves 22 solicitarán os informes dos servizos xurídicos para a futura mesa de negociación e esperan que os xuristas lles aclaren cal será a súa posición ante as negociacións de Defensa. O 1 de decembro, celebrarán unha pequena festa e unha asemblea extraordinaria dos comuneiros con técnicos e xuristas para que se aproben as propostas concretas. A da superficie que debe quedar en exclusiva para uso comunal e o espazo de terreo que se cederá a defensa. Os comuneiros queren quedar con 80 hectáreas para uso público. Segundo as conversacións xa mantidas co xeneral da base, a proposta que máis convence a Fernando Pintos é que a superficie que se destine a manobras militares se cedese a través do pagamento dun canon.
Pintos agradeceu tanto ao xeneral Alonso Miranda coma ao Alcalde, Miguel Fernández Lores, o esforzo que realizaron para que se puidese establecer o diálogo nos últimos tempos e culpou á Federación Boa Vila e á Asociación de Veciños San Martiño de ter posto moitos obstáculos durante todo este proceso.
Relacionadas:
-
A Audiencia confirma que os terreos da Brilat son dos veciños
Por Redacción |
-
170 hectáreas da base da Brilat xa son de Salcedo
Por Natalia Puga |
-
Reunión a catro bandas para abordar a convivencia entre militares e comuneros
Por Anxo Lourido & Natalia Puga |
-
Os terreos da Brilat, de Defensa ou dos veciños? A solución, o 15 de novembro
Por Natalia Puga |