Denegan o permiso a Mercadona para facer un aparcadoiro na finca do antigo Paladín
Por Oskar Viéitez
A comisión de Urbanismo denegou a solicitude de licenza formulada por Mercadona para construír un aparcadoiro en superficie na finca habilitada tras a demolición dos antigos edificios da sala de festas Paladín.
Mercadona pretendía construír un aparcadoiro para uso exclusivo dos clientes deste supermercado neste espazo que quedou baleiro entre a avenida de Vigo e a rúa da Estación.
O proxecto rexeitado incluía unha canalización coa rede de pluviais, iluminado, ademais do peche perimetral de toda a parcela e un control de acceso con vixilancia.
O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, explicou que o proxecto de aparcadoiro non foi admitido xa que esta parcela está situada en chan urbano consolidado en zona residencial intensiva. "Nela só pódense construír vivendas colectivas", precisou Louro, que animou os promotores a formular un novo deseño no que se faga contar a provisionalidade da medida, polo menos mentres non se recupere o mercado inmobiliario e poida ser viable construír vivendas.
SANTA RITA
Por outra parte, Antón Louro celebrou que a comisión outorgase licenza de primeira ocupación ao edificio situado na rúa Peregrina número 54, no soar do antigo sanatorio de Santa Rita, que acolle 20 vivendas e dous locais comerciais.
Louro recordou que o proxecto se iniciou en 2005 e despois do paso de tres diferentes promotoras pola obra finalmente tivo que ser asumida por inmobiliaria do Banco Santander.