Juan Manuel Corbacho, elixido vicerrreitor do campus de Pontevedra
Por Redacción
As eleccións ao reitorado da Universidade de Vigo contaron con escasa participación no campus de Pontevedra nos comicios celebrados este martes 1 coa reelección de Salustiano Mato que continuará, durante catro anos, á fronte da institución universitaria. No campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho logrou o cargo de vicerreitor e sustituirá a Antonia Blanco. O actual decano da Facultade de Ciencias Sociais abandonará este cargo no momento en que teña que asumir o seu novo labor.
No campus pontevedrés, 299 integrantes da comunidade universitaria pasaron polas urnas, onde Alternativa Universitaria obtivo 155 dos 262 votos válidos emitidos.
Tras coñecer estes datos, o candidato ao vicerrectorado do campus local, Juan Manuel Corbacho, mostraba a súa satisfacción ante o Diario da Universidade de Vigo (DUVI) por uns resultados "que amosan un apoio maioritario en todos o sectores do campus". Non obstante, Corbacho mostrou a súa preocupación polos baixos índices de participación, que "se ben foi positiva no PDI e no PAS, non o foi no relativo ao alumnado".
"Agora toca comezar a traballar", engadiu Corbacho, que aposta por unha liña continuísta co labor que veu desenvolvendo Antonia Blanco á fronte da Vicerreitoría, que trasladou "todo o seu apoio" ao seu sucesor, "unha persoa nova, con forza, que coñece o campus e pode facer un moi bo traballo". Ante unha nova etapa que afronta con "ilusión e moitas ganas de traballar". Pola súa banda, Corbacho destacou entre os seus obxectivos "a implantación definitiva do proxecto de especialización do Campus CREA para que sexa unha marca internacional de prestixio que beneficie tanto ao campus coma á cidade" e continuar traballando no desenvolvemento do proxecto Green Campus. Ademais, durante os próximos catro anos ten intención de impulsar "a consolidación das titulacións, traballar por conseguir as instalacións específicas que necesitan os diferentes centros e seguir achegando o campus á cidadanía".
Corbacho tamén quixo referirse ao falecemento do profesor de Ciencias da Educación e do Deporte Juan José Crespo, e sinalou que "unha das peores noticias que se pode recibir é a morte dun compañeiro".
Relacionadas:
-
A nova decana de Ciencias Sociais, Emma Torres, impulsará os dobres títulos con outras universidades
Por Redacción |
-
Próximo cumio entre o Concello e a Universidade de Vigo "para concretar aspectos de colaboración"
Por Redacción |
-
Ciencias Sociais, primeira facultade en acreditar a súa calidade académica
Por Redacción |
-
Pontevedra pon rumbo á especialización e convértese no Campus CREA
Por Redacción |
-
O campus de Pontevedra tamén quere a súa Bandeira Azul
Por Redacción |