A Xunta descoñece onde está Raxó
Por Anxo Lourido
Unha nota informativa procedente da Xunta de Galicia indica que "A Xunta inicia os traballos de mellora do firme da PO-308 en Raxó, para incrementar a adherencia dos vehículos nesta estrada de Sanxenxo,". E ao longo da información insiste en que "esta mellora da capa de rodadura no núcleo de Raxó, no Concello de Sanxenxo... ". Desta forma sitúase a parroquia de Raxó que pertence ao Concello de Poio no municipio veciño de Sanxenxo. Un erro incomprensible cando a nota informativa procede da Consellería de Medio, Territorio e Infraestruturas.
En todo caso, as obras que se acometen por parte da Axencia Galega de Infraestruturas realízanse na PO-308 en Raxó (Poio) porque se comprobou un aumento dos deslizamentos nese tramo. Os traballos de rehabilitación superficial do firme está previsto que finalicen esta mesma semana e realízanse a cargo dos contratos de conservación das rúas.